Bruxelas quere que o Goberno español suba máis o IVE e o imposto de carburantes

Permite pechar o ano cun déficit do 6,5% no canto do 6,3% previsto, mais pon deberes: incrementar o imposto reducido que grava os alimentos ou os produtos sanitarios e camiñar un pouco máis na aplicación da contrarreforma laboral para "medir a eficacia"

photo_camera [Imaxe: SG]


A Comisión Europea permite ao Goberno español pechar este ano cun déficit do 6,5% --no canto do 6,3% previsto-- e prorroga até o 2016 o prazo para que poida chegar ao déficit do 3%. A UE aforra un expediente a Rajoy pola elevada taxa de desemprego, polo déficit e polo endebedamento.

Porén, a cambio diso, esixe máis esforzo: o Goberno español terá que volver subir o IVE, estabelecer un imposto sobre os carburantes e tomar medidas contra o paro na mocidade e a economía somerxida.  

Nas súas recomendacións, a Comisión Europea di que o Executivo español ten marxe para subir o IVE nalgúns produtos que aínda o teñen reducido. Aliás, quere que se tomen medidas adicionais sobre os impostos ambientais, sobre todo o de carburantes. 

Cómpre lembrar que o IVE reducido se incrementou do 8% ao 10% hai só uns meses e que este se lle aplica á meirande parte dos alimentos, dos produtos sanitarios e do transporte terrestre e de viaxeir@s, así como á maioría dos servizos de hostalería e á construción de viviendas. Inclúe os espectáculos culturais. Fala tamén de reducir os custos dos servizos públicos, nomeadamente da redución do gasto farmacéutico, e exixe que a finais de 2013 remate a regulación do sistema de pensións e que se fixe a idade de xubilación "en liña cos aumentos na esperanza de vida".

Emendas á contrarreforma laboral

Bruxelas obriga ao Estado español a "revisar a eficacia" da contrarreforma laboral aprobada en 2012 antes de xullo deste ano para presentar emendas, se fose necesario, en setembro. A Comisión Europea quere que se modernicen os servizos de emprego para conseguir "unha maior eficiencia e atención individualizada" ás persoas que buscan traballo, así como que se tomen medidas para fomentar as prácticas e a formación. 

En concreto, tamén se pide que se faga máis para loitar contra o paro xuvenil e que se combata o abandono escolar con máis oferta de "formación vocacional" e un maior control dos resultados do alumnado. Ao redor do sistema de transportes, reclama que se garanta a competitividade nos servizos de trens, con posibilidade de acometer privatizacións.

Comentarios