Bruxelas puxa pola creación dun Exército da UE malia as reticencias internas

París, principal valedor da proposta que presentará a Comisión en novembro.
EuropaPress_3819288_30_june_2021_us_washington_us_secretary_of_defence_lloyd_austin_2nd_greets
photo_camera Kramp-Karrenbauer, ministra de Defensa alemá, oponse á idea e avoga por afianzar relacións cos EUA. Na imaxe, en Washington este verán (Foto: ZUMA / dpa)

"A necesidade dunha Defensa europea nunca foi tan evidente como o é hoxe tras os sucesos do Afganistán", declaraba o máximo representante da diplomacia comunitaria, Josep Borrell. A UE necesita crear unha "forza de resposta rápida" de 5.000 soldados, engadía. Facíao na pasada quinta feira na xuntanza que os ministros de Defensa dos Estados membros mantiveron en Eslovenia para analizar o cataclismo afgán. 

A proposta, porén, está lonxe de ser asumida polos 27. O último en manifestar a súa oposición foi Peter Hultqvist. "Non o vexo como a principal liña para resolver estes problemas", sinalaba o ministro sueco de Defensa, que nunha entrevista en Sveriges Radio defendía a cooperación militar cos EUA como alicerce sobre o que se asenta a seguridade europea. 

Na cerna do debate está a influencia rusa. Son países como Polonia ou os da rexión báltica, coa súa soberanía sometida durante moitos anos á URSS, os que máis remisos se mostran a abandonar total ou parcialmente o paraugas que a través da OTAN ofrece Washington. 

En Suecia, a adhesión á Alianza Atlántica ─ou precisamente que non faga parte dela─ é fonte de debate político. Para Estocolmo, a Rusia actual supón ─en palabras de Hultqvist─ unha "ameaza", que se ve neutralizada grazas ás ligazóns transatlánticas. Mantense así un equilibrio, defende. Segundo unha enquisa publicada antes do verán en Dagens Nyheter, en Suecia estaría a aumentar o apoio á adhesión á OTAN (empatando xa cos que se opoñen). 

A percepción na UE non é homoxénea e ten patróns diferentes. Por exemplo, Hungría, que tamén viviu unha revolución (1956) contra as políticas impostas desde Moscova, considera a Rusia un dos seus principais aliados. 

E en Alemaña, onde a sensación de ameaza militar é menor, as relacións enerxéticas co Kremlin son cardinais. Non obstante, no eido defensivo Berlín segue a ser dos máis atlantistas dentro da UE. 

Politico publicaba en novembro pasado un artigo de Annegret Kramp-Karrenbauer, ministra de Defensa e durante un tempo a principal candidata a substituír a Angela Merkel, onde se reflectía claramente esta posición. Na peza, titulada "Europa aínda necesita aos EUA", cualificaba de "ilusión" a idea dunha "autonomía estratéxica europea". 

A OTAN centra parte do debate político xermano a menos de tres semanas das eleccións xerais. Merkel entrou a semana pasada en campaña criticando o candidato socialdemócrata, Olaf Scholz, favorito nas enquisas, pola posibilidade de se aliar no Goberno con Die Linke, partido máis á esquerda do arco parlamentario e firmemente oposto á Alianza Atlántica. Sobre ese eixo, OTAN-"ameaza rusa", tamén se estabelece a división interna na terceira formación en lide, Os Verdes.

É a Francia de Emmanuel Macron ─que na súa visión de Europa aspira á independencia militar, económica e tecnolóxica dos EUA─ a maior defensora da creación dun Exército da UE. Macron xa foi crítico co artigo de Kramp-Karrenbauer, e Macron será quen a partir de xaneiro de 2022, cando asuma a presidencia semestral rotatoria da UE, pule por este proxecto (coincidindo ademais coas presidenciais de abril). Aproveitando esta circunstancia, Bruxelas anunciou que presentará unha proposta neste sentido en novembro. 

As "coalicións de vontades", alianzas fóra da UE e da OTAN

Desde as guerras de Iugoslavia e máis concretamente desde a de Kosovo (1998-99), a idea de crear un Exército da UE estivo sobre a mesa. En 2003 acordouse estabelecer unha forza conxunta de 50.000 efectivos, mais nunca chegou a materializarse. Catro anos despois elaborouse un sistema de batallóns menores, con 1.500 membros, mais tampouco foi posto en práctica polas desavinzas entre os Estados a respecto do financiamento. A actual Comisión confía en que a proposta de novembro saia finalmente adiante para acabar coa afonía que caracteriza a UE neste tipo de conflitos. 

Unha postura intermedia, defendida por Alemaña, é a idea das "coalicións de vontades", isto é, alianzas puntuais entre varios Estados, que permitiría contar tamén con terceiros países fóra da UE como o Reino Unido, a maior potencia militar do continente. 

Comentarios