Bruxelas pide ao goberno español que retrase aínda máis a idade de xubilación

A Comisión Europea parabenizou esta terza ao executivo presidido por Mariano Rajoy por retrasar a idade de xubilación aos 67 anos, mais ínstalle a profundizar máis nesa liña

A reforma das pensións aprobada en 2011 retrasa a idade de xubilación aos 67 anos. Unha medida que a Comisión Europea vén de alabar ("ten un impacto positivo visíbel", afirma) e de sinalar como adecuada. Mais non chega. Bruxelas alerta de que aínda con esa medida, o gasto de pensións no estado español estaría até 2060 por riba da media comunitaria. E por iso apunta a que "hai que dar sostibilidade ao sistema de pensións" incluíndo para iso "un vencello entre idade de xubilación e esperanza de vida", para ir retrasando de forma progresiva a idade de retirada do traballo.

A Comisión Europea considera que o gasto de pensións ten que "frenarse". Unha declaración que chega pouco despois de que o goberno español decidide non actualizar as pensións coa suba do IPC, producindo unha perda de poder adquisitivo entre xubilad@s e pensionistas.

Risco de exclusión

A decisión do goberno español de non actualizar as pensións provocará aos e ás pensionistas unha diminución considerábel nos seus ingresos, de entre 140 e 400 euros. Máis nun país, Galiza,  que con 701 euros de pensión media, mantense como furgón de cola do Estado español. En Galiza hai 736.000 pensionistas. 

Comentarios