Bruxelas pagará ao laboratorio que Donald Trump quixo en exclusiva

Donald Trump estaría a procurar unha vacina só para os Estados Unidos de América.
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen
photo_camera A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, falou nun vídeo en Twitter sobre a vacina do coronavirus.

A Comisión Europea garantiu máis fondos para o laboratorio farmacéutico alemán CureVac, ao que o presidente de Estados Unidos de América, Donald Trump, ofrecera unha importante suma de diñeiro a cambio dunha vacina contra o coronavirus que só estivese dispoñíbel para o seu país.

Así o asegurou a xefa do Executivo comunitario, Ursula  von  der  Leyen, nunha mensaxe compartida na rede social
Twitter despois de que ela e a comisaria de Innovación e Investigación, mantivesen unha conversa telefónica coas responsábeis da compañía.

"A UE apoiou desde o principio a investigación da compañía e agora a financiará de novo. É crucial para atopar canto antes a vacina que axude a todo o mundo", expresou a alemá.

Segundo informara o xornal Welt am Sonntag, a administración Trump tentaría fichar o persoal científico desa empresa para traballar para Estados Unidos cunha oferta de 1.000 millóns de dólares sempre coa condición de que calquera vacina que se lograse estivese dispoñíbel "só nos Estados Unidos".

A reportaxe cita fontes do Goberno alemán que explicaron esa situación en declaracións baixo condición de anonimato.

Comentarios