Bruxelas financiará o traslado de menores tras o incendio no campamento de Moria

A detección de 35 casos da Covid-19, tras se rexistrar a semana pasada o primeiro caso, provocou enfrontamentos no campo e a fuxida de miles de persoas.
EuropaPress_3306872_09_september_2020_greece_lesbos_smoke_rises_in_moria_refugee_camp_on_the (1) (1)
photo_camera Vista xeral dunha zona de Moria, nunha fotografía tomada na cuarta feira (Arne Büttner / dpa)

A Comisión Europea financiará o traslado e aloxamento á parte continental de Grecia dos 400 menores non acompañados que seguen no campo de refuxiados de Moria, na illa de Lesbos, tras o incendio acontecido na madrugada desta cuarta feira, 9 de setembro, segundo anunciou a comisaria europea de Interior, Ylva Johansson, nunha entrada na súa conta do Twitter.  

"A prioridade é a seguridade e o refuxio para toda a xente en Moria", escribiu, e trasladou as condolencias á poboación de Lesbos, en particular aos migrantes e ao persoal do campo de refuxiados. "Estou en contacto co ministro grego e coas autoridades locais en relación co incendio", engadiu.

Tamén o presidente do Consello Europeo, Charles Michel, escribiu to Twitter: "Total solidariedade coa xente de Lesbos que proporciona refuxio, cos migrantes e co persoal". E dixo estar en contacto coas autoridades gregas e "preparado para mobilizar apoio".

O campo de refuxiados de Moria, na illa de Lesbos, que alberga a preto de 13.000 persoas, quedou practicamente destruído nun incendio provocado esta madrugada tras enfrontamentos entre os migrantes. Os bombeiros estaban tratando de acceder ás carpas e aos contedores-vivenda. Debido aos fortes ventos, as lapas propagáronse con rapidez e arrasaron practicamente todo, especialmente os contedores e as carpas, segundo os medios gregos.

O incendio produciuse unha semana despois da aparición do primeiro caso da Covid-19 en Moria, e un día despois de as autoridades sanitarias confirmaren que entre as 2.000 persoas que tiveron contacto cun paciente co virus, 35 deron positivo na proba ─tan só unha presentaba síntomas─ e debían ser illadas. Algunhas negáronse e iniciáronse enfrontamentos entre os propios refuxiados, provocando incendios tanto dentro do recinto fechado como na oliveira que rodea o campo, onde tamén viven miles de migrantes.

Insalubridade

Foi entón que aproximadamente 12.000 persoas fuxiron do campo cara ás montañas que rodean o campo para evitar o contacto coas persoas infectadas. Boa parte destas miles de persoas emprenderon o camiño cara a Mitilene. A policía entón bloqueou o acceso á cidade, situada a uns oito quilómetros, para evitar a emerxencia sanitaria.

As organizacións humanitarias levan tempo alertando das condicións de amoreamento e insalubridade en Moria, unha situación de gran risco especialmente desde o inicio da pandemia.

Comentarios