Bruxelas ponse farruca coa Sputnik V: "Non a necesitaremos en absoluto"

Promete agora que a UE estará vacinada a mediados de xullo.

Profesional sanitaria sostén unha dose da vacina contra a Covid-19. (Foto: Europa Press)

O comisario europeo do Mercado Interior,  Thierry Breton, dixo a respecto da Sputnik V, que na UE “"non a necesitaremos en absoluto", afirmando que hai moitas dificultades para fabricala de forma masiva e que probablemente os europeos acabarán axudando a fabricala máis adiante.

Breton quixo sacar peito así nuns momentos nos que as dúbidas sobre a vacinación na UE están de plena vixencia, nomeadamente após os conflitos con compañías como AstraZenaca pola subministración de doses.

O comisario da UE asegurou que a mediados de xullo a Unión Europea (UE) podería estar inmunizada con todas as vacinas que se van a entregar aos estados para entón, todas producidas no seu territorio.

"Temos claramente nas nosas mans a capacidade para entregar de 300 a 350 millóns de doses de aquí a finais do mes de xuño", explicou o responsábel das compras colectivas para os 27 países da UE nunha entrevista o domingo pola noite na canle francesa  TF1.

Engadiu que para o 14 de xullo, data festiva no calendario francés, existirá "a capacidade de alcanzar a inmunidade a nivel do continente".

Breton apuntou que ese horizonte é similar ao que presentou o presidente estadounidense, Joe  Biden, que tamén prometeu una certa volta á normalidade para a festa do 4 de xullo, e ao do primeiro ministro británico, Boris Johnson, que fala do 21 de xuño, o comezo do verán.

Comentarios