Bruxelas carga contra Google e investiga Android

A comisaria de competencia comunitaria ve abuso de posición dominante no proceder do grupo e estudará se obstaculizou outros proxectos para privilexiar Android. 

Margrethe Vestager, comisaria de Competencia da UE enviou esta cuarta feira a Google un prego de cargos polo que considera un abuso de posición dominante por parte da transnacional estadounidense. Segundo a UE, Google --que copa o 90% do mercado na maior parte dos estados membros-- tería procedido de maneira irregular para favorecer os seus servizos na comparación de prezos que disponibiliza o seu buscador (Google Shopping). 

Neste senso, Competencia dálle un prazo de 10 semanas para formular a súa defensa e presentar alegacións nun proceso que podería rematar nunha importante sanción económica equivalente ao 10% do seu volume de negocio, aproximadamente 6.000 millóns de euros. Asemade, Bruxelas podería exixir mudanzas no pesquisador para se adaptar ao cumprimento da lexislación comunitaria. 

Doutra banda, Margrethe Vestager, tamén comunicou a Google a abertura dunha investigación pola presunta obstaculización doutros proxectos para dispositivos móbiles á fin de privilexiar o acceso ao mercado de Android. 

Comentarios