Bruxelas anuncia que 70% da poboación adulta da UE está totalmente vacinada contra a Covid

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, ven de confirmar que os 27 alcanzaron o obxectivo marcado para antes da fin do verán. Con todo, hai grandes diferenzas entre Estados, unha brecha que fixan como obxectivo a bater.
Unha profesional sanitaria sostén un vial coa vacina de  AstraZeneca (Foto: Juan Manuel Serrano Arce / Europa Press)
photo_camera Unha profesional sanitaria sostén un vial coa vacina de AstraZeneca (Foto: Juan Manuel Serrano Arce / Europa Press)

Nunha mensaxe institucional, a xefa do Executivo comunitario asegurou que máis de 250 millóns de cidadán e cidadás europeas maiores de idade contan xa coa pauta completa, un "gran logro" dixo, que ao seu xuízo demostra o que o bloque pode conseguir cando "traballa da man".

"Pero a pandemia non acabou, debemos seguir vixiantes", advertiu Ursula von der Leyen, quen pediu a todos aquelas persoas europeas que aínda non se vacinaron que o fagan "rapidamente" para "evitar unha nova onda de infeccións e a aparición de novas variantes".

"É o único modo de protexerse, a un mesmo e ao resto", argumentou, para despois subliñar que as vacinas tamén deben chegar ao resto do mundo. E a UE "está a facer moito" para conseguilo, a través de exportacións e doazóns a COVAX.

Diferenza entre Estados

Con todo, as taxas de vacinación tamén difiren entre os 27 Estados membros. Oscilan entre 85,5% de Irlanda, 83,5% de Dinamarca ou 82,5% de Portugal até 20% de Bulgaria, 40% de Romanía ou 45,5% de Letonia, segundo o rexistro oficial do Centro Europeo de Control e Prevención de Enfermidades (ECDC, polas súas siglas en inglés).

O Estado español figura entre os máis avanzados con 76,7% da poboación adulta vacinada coas dúas doses e 87,6% con polo menos unha dalgún dos fármacos autorizados. Pola súa parte, Galiza ten 81,85% da poboación diana coa pauta completa, 74,4% da poboación total.

Desde a Comisión Europea apuntan a necesidade de reducir esta fenda entre territorios. Calquera avance neste sentido servirá tamén para reducir o risco de aparición de novas variantes. Mais sinalan un terceiro desafío: estar preparados para subministrar e inocular as doses de reforzo se a evidencia científica aproba a súa administración.

Campaña de vacinación

A campaña de vacinación na UE iniciouse nos últimos días de 2020, con dúbidas sobre a capacidade de produción e a repartición de vacinas entre os Estados membros. No mes de febreiro, Bruxelas apuntou que se alcanzaría o obxectivo de vacinación antes de acabar o verán e a finais de abril adiantou a xullo a meta de inmunizar 70% da poboación adulta.

Nestes meses sucedéronse os problemas coas farmacéuticas, especialmente coa británica  AstraZeneca, que Bruxelas levou aos tribunais por incumprimento de contrato. Os atrasos nas entregas das vacinas afectaron a todas as empresas, aínda que Pfizer converteuse na que máis subministracións achegou, até o punto de asinar tres contratos para adquirir, en total, máis de 2.000 millóns de doses.

Comentarios