Bruno Bimbi, xornalista: "Bolsonaro pensa que o coronavirus libra o Brasil dos débiles, dos pobres, dos negros..."

Bruno Bimbi, xornalista (Ana Portnoy)
photo_camera Bruno Bimbi, xornalista (Ana Portnoy)

O xornalista arxentino Bruno Bimbi presentou na Coruña o seu último libro, A fin do armario, unha crónica do século XXI da comunidade LGTBI que tivo que agardar a saída da pandemia para ver a luz. Bimbi colaborou na campaña de igualdade de dereitos en Ecuador e traballou dez anos no Brasil como asesor do deputado Jean Wylys, máximo opoñente político de Bolsonaro antes da súa chegada ao poder nese país sudamericano. 

Que lle fai escribir A fin do armario?

O libro fala das persoas LGTBI no século XXI. Trata de explicar o que mudou neste tempo. Sempre digo que se a un mozo homosexual de mediados do século XVII o levasen nunha máquina do tempo a mediados do século XIX habería cambios na roupa, na tecnoloxía ou na ciencia mais que a súa vida como mozo homosexual dous séculos despois seguiría sendo a mesma. A relación coa familia continuaría a ser imposíbel e a saída do armario tamén. Se o caso fose cun mozo semellante dos anos 70 do século pasado viñese a hoxe en menos tempo atoparía con cambios xigantes.

En Barcelona, onde vivo, podería casar nun rexistro civil coa súa parella, ir cear á casa da familia, ir da man pola rúa e mesmo a alcaldesa da cidade di que é bisexual sen ningún problema. Nestes últimos 50 anos por primeira vez na historia houbo cousas que comezaron a cambiar na relación entre as maiorías e as minorías no campo da sexualidade. O libro reflicte esas mudanzas mais sinalando que foron desiguais. Nalgúns lugares foron moi fortes e noutros a homosexualidade segue a ser perseguida e criminalizada.

Aquí non se toma en serio a Vox

Case toda África e Oriente Medio son un exemplo, tamén Rusia onde sería imposíbel que esta entrevista tivese lugar. Conto moitas historias desa parte do mundo e tamén desta. Tentei pintar un panorama de como é a vida das persoas LGTBI neste século e tamén falar dos falsos mitos que hai sobre a homosexualidade.

Por outro lado falo de como se empregou a Biblia para condenar os homosexuais e hai moitos capítulos que describen fenómenos políticos que nos afectan como a chegada de Bolsonaro ao poder no Brasil ou o crecemento da ultradereita no Estado español. Aquí non se toma en serio a Vox.  

Que parte de responsabilidade nesas mudanzas teñen os gobernos e que parte a propia sociedade?

Nos países onde houbo cambios moi fortes que permitiron o recoñecemento dos dereitos da comunidade LGTBI e cambios no comportamento da sociedade polo xeral houbo líderes políticos que se animaron a encabezar un cambio. Noutros lugares os líderes non estiveron á altura da historia e os cambios viñeron doutra forma, como aconteceu en Ecuador que se conquistaron pola vía xudicial.

Vin como no Brasil as igrexas evanxélicas fundamentalistas brasileiras que son verdadeiras mafias empregan a homofobia como un recurso político para medrar e gañar diñeiro, poder e cargos

Tamén está a relixión e o impacto dos discursos dos líderes relixiosos. Vin como no Brasil as igrexas evanxélicas fundamentalistas brasileiras que son verdadeiras mafias empregan a homofobia como un recurso político para medrar e gañar diñeiro, poder e cargos.

Cara onde camiña o Brasil?  

Vivín alí dez anos. Cheguei cando estaba no seu último ano Lula e decidín marchar cando gañou Bolsonaro. Nese período traballei para o deputado Jean Wylys, o único deputado representante da comunidade LGTBI e principal inimigo político de Bolsonaro. Na propia campaña estivo ameazado de morte e despois das eleccións tivo que exiliarse.

É herdeiro das ideas de Hitler, cre nesa limpeza social a través do xenocidio

Xa diciamos que se gañaba Bolsonaro habería mortes e xa hai máis de 100.000 pola irresponsabilidade, a loucura e a demencia do seu goberno. Bolsonaro é un psicópata, ademais de ser un fascista e un homófobo. A pandemia para el é un acto de limpeza social. É herdeiro das ideas de Hitler, cre nesa limpeza social a través do xenocidio. Pensa que o coronavirus libra o Brasil dos débiles, dos pobres, dos negros...

Por este motivo non fai nada para combater a pandemia e fai todo o contrario para que morra máis xente. Era previsíbel. Dixo nunha ocasión que a única maneira de arranxar o Brasil era matando 30.000 persoas... e xa superou moito esa cifra.

Comentarios