Cualifica Borrell como o "ministro máis indigno da historia da democracia española"

Unha bronca parlamentar resulta na expulsión de Rufián

Rufián nunca deixa indiferente ninguén e esta terza feira, menos que nunca. O deputado de ERC dirixiu grosas palabras ao ministro de Asuntos Exteriores, Josep Borrell, e após ser chamado reiteradas veces á orde pola presidenta do Congreso, Ana Pastor, foi expulsado da cámara. Borrell acusou o deputado de Esquerra Joan Capdevila de cuspirlle na cara cando abandonaba o hemicilo. ERC négao.

rufian
photo_camera Rufián

Ao ser expulsado Gabriel Rufián do pleno do Congreso, o resto do grupo parlamentar de ERC abandonouno en solidariedade con el. O lance acrecenta tensión na relación entre o Goberno Sánchez e un dos soportes chave que viabilizaron a moción de censura que derrubou Raxoi.

Borrell, dirixente da ala máis xacobina e anti-nacionalista do PSOE, é unha das bestas negras do soberanismo catalán. A intervención de Rufián foi congruente con iso: "Señor Borrell, hai tempo que lle quero dicir isto. Vostede é o ministro máis indigno da historia da democracia española. E ten habido moitos indignos", díxolle. E engadiu: "Vostede non é un ministro, é un 'hooligan', un militante de Sociedade Civil Catalana, unha vergoña para o seu grupo parlamentario, porque aquela é unha organización de extrema dereita".

Rufián pediu a demisión de Borrell por se ter moqueado nun mitin do PSC "do meu compañeiro Oriol Junqueras mentres apodrecía nunha prisión de Madrid [antes de ser trasladado a Lledoners]".

Borrell interveu para denunciar que un deputado de ERC lle cuspiu. Esquerra desmentiuno.

 

Comentarios