23X: referendo

Brexit ou Bremain: cal é a opción das galegas e galegos residentes no Reino Unido?

As enquisas sinalan que a participación da xente nova será chave nuns resultados que se agardan moi igualados, pero cunha aparente maioría suficiente a favor de quedar (55%).

Brexit mural Imaxe paintsmith
photo_camera Imaxe: Paintsmith

Mentres as enquisas viven no empate técnico nos últimos días, as casas de apostas, eses lugares 'santos' para os británicos, dan a permanencia de Reino Unido na Unión Europea como gañadora. Inclusive unha granxa no sur do país decidiu pronosticar os resultados cunha carreira de porcos que finalizou cos porquiños elixindo a meta da permanencia fronte ao Brexit. Anécdotas a parte, o certo é que tras a reanudación da campaña despois do asesinato da deputada laborista Jo Cox, semella que o voto por quedar dentro da UE colleu de novo pulo nos últimos días. Un pulo débil e sen garantías pero que apoian moitos dos galegos que residen en Reino Unido. Non saber o que pasará é a razón da maioría para posicionarse en contra do Brexit.

Felipe Rodríguez, da Coruña: "A pesar de que aquí hai moito traballo e podo atopalo fácil, teño medos e preocupacións pola miña situacion futura”.

Segundo o Pere (Padrón de españois residentes no estranxeiro) en Reino Unido hai na actualidade 11.182 galegos rexistrados. Porén, o número 'real' é moi superior porque unha grande maioría dos galegos vivindo no Reino Unido aínda segue rexistrada nos seus lugares de orixe. O medo a unha posible saída fixo que galegos coma Laura decidiran despois de catro anos en Londres acudir á embaixada e formalizar a súa situación en Londres, “ninguén sabe o que pode pasar e non quero correr o risco de non poder seguir coa miña aquí nunha posible saída da UE. Quero ter todo en orde”. Na mesma situación atópase Felipe  Rodriguez. Este cociñeiro de A Coruna pensa que se o Reino Unido sae da UE terá dificultades para recibir os ‘benefits’ (axudas do goberno) se, por exemplo, queda no paro, xa que só leva un ano vivindo en Londres. “Ao Reino Unido non lle convén saír porque perdería moitas cousas, moitos dos avances que conseguiu”. A raíz do anuncio do referendum tentou empadroarse na embaixada, “quero empadroarme como residente aquí en Londres e rexistrarme na embaixada pero as citas que me deron son para despois do referemdum", lamenta, e sinala que “a pesar de que aquí hai moito traballo e podo atopalo fácil, teño medos e preocupacións pola miña situación futura”.

A pesar da imposibilidade de votar e das infructuosas campañas para permitir o voto aos cidadáns da UE vivindo en Reino Unido galegos como Duarte Romero, xornalista de Narón que leva cinco anos en Reino Unido, decidirón dar un paso adiante e poñer o seu grao de area na campaña. Duarte colabora coa compaña, “Another Europe is possible” (Outra Europa é posible), unha campaña de esquerdas que intenta mobilizar o voto progresista e que involucra xente de diferentes partidos de esquerdas. “Prefiro quedar e traballar con outra xente para cambiar o que non me gusta da Unión Europea que saír da man da extrema dereita británica ou de Boris Jonhson”, sinala, e puntualiza que o fin da campaña é mobilizar o votante crítico coa Unión Europea para que non quede na casa e non perda por “non comparecer”. A saída da UE deixaría o traballador nunha situación difícil, “o seu día día vai ser moito peor”, porque o novo 'escenario' estaría dirixido por forzas de dereitas que “levan moito tempo traballando por saír da UE e este é o seu momento e todos van a ir a votar”.

Duarte Romero, de Narón: "“Prefiro quedar e traballar con outra xente para cambiar o que non me gusta da Unión Europea que saír da man da extrema dereita británica ou de Boris Jonhson” 

Neste senso, as enquisas nos últimos días nos xornais británicos fan fincapé na necesidade de mobilizar o electorado máis novo e de esquerdas favorable a quedar na UE fronte á xente máis maior e de dereitas. As enquisas sinalan que máis do 70% da xente nova quere quedar na UE mentres que na xente maior de 65 anos só o 35% está disposto a quedar na UE.

Sadiq Khan, o alcalde europeísta de Londres

Segundo a meirande parte dos analistas, as eleccións municipais para elexir o novo alcalde de Londres que tiveron lugar o pasado 6 de maio foron un pequeno ensaio do vindeiro referendum. A campaña estivo marcada polo Brexit e tanto o conservador Boris Jonhson como o laborista Sadiq Khan posicionáronse claramente a favor e en contra de deixar a UE, respectivamente. De feito a campaña tivo un efecto inmediato na economía do país como sinala Seila Martínez, de Bueu, 12 anos en Reino Unido, e traballadora no sector financeiro na City de Londres, “en Febreiro o valor da libra esterlina tivo a maior caída dos últimos sete anos cando Borís Johnson (o agora ex alcalde de Londres) se posicionou a favor do Brexit”.

Seila Martínez, de Bueu: "Se o Brexit sucede penso que afectará máis a xente que chegue por primeira vez que aos que estamos xa establecidos"

Seila apunta que “é moi probable que moitos dos bancos e empresas financeiras con presencia na City trasladen as súas sedes a cidades como Bruxelas ou Luxemburgo onde poidan seguir beneficiándose das vantaxes do libre comercio daa UE”. Ademais, pensa que no seu caso unha posible saída non lle afectaría, “se o Brexit sucede penso que afectará máis a xente que chegue por primeira vez que aos que estamos xa establecidos.” “Quizáis -observa- sigan o modelo de países como Australia e Canadá onde só se lles dá permiso de permanencia a persoas con certas titulacións ou cunha experiencia profesional concreta para cubrir o déficit de profesionais en certos sectores e evitar a chegada masiva de persoas”.

Iria García, de Vigo: "Eu estou aquí por culpa dunha crise que no fondo tivo a súa orixe no euro e entendo que queiran saír da UE"

A Enrique Ramil, como a Seila non lle gustaría que Reino Unido saíra da UE pero entende os que si están a favor. “Ás veces entendo que haxa cidadáns que estean un pouco fartos de xente que vén de fóra só para vivir dos benefits (pagas) do goberno. Non é o mesmo vir a traballar que vir a 'chupar do bote'...”, comenta. Enrique, de Ares, ponlle música ás rúas londinesas. É autónomo e gaña a vida cantando nas rúas de Londres baixo licencia do concello e despois de pasar unhas exhaustivas audicións. Se tivera que elixir unha canción para poñerlle música a esta campaña teno claro, “Imagine”, di convencido.“Nada é noso, a terra que pisamos, como di Lenon, non é nosa”, sentencia.

Un Brexit necesario

É difícil atopar, en xeral, traballadores estranxeiros a favor do Brexit. Entre os galegos consultados a grande maioria quere que Reino Unido siga na UE porque descoñecen como será a súa situación no país se se dá unha ruptura dos tratados que unen Reino Unido coa UE.

Victor Vicente: "Estou a favor do Brexit porque non estou de acordo co que simboliza a UE"

Porén, hai galegos que non entenden o sistema da UE actual e non verían con mal ollo que Reino Unido deixase a UE. Ese e o caso de Victor Vicente. El si esta a favor dunha saída de Reino Unido da UE. Victor leva 4 anos vivindo entre Londres e Bertamirans. “Estou a favor do Brexit porque non estou dacordo co que simboliza a Unión Europea en si e moito menos coas prebendas que ten o Reino Unido con respecto ao resto de países que a integran”, sinala, puntualizando que é europeo e europeísta pero non acredita na actual Unión Europea. “Para ter na UE un membro cun status superior ao resto dos membros, prefiro que se vaian”, e asegura que o concepto actual da UE non lle “serve”. Cre, por outra banda, que unha posible saída non lle afectaria “en nada” porque el xa está rexistrado e ten un historial como traballor no Reino Unido.

Iria García, camareira de Vigo, afirma pola sua banda que ela esta nun “50%”. Non quere que saian pero entende o porqué da súa reivindicacion. “Eu estou aquí por culpa dunha crise que no fondo tivo a súa orixe no euro e entendo que queiran saír da UE, entendo a idea de saír dunha UE en crise”, afirma e precisa que comprende que non queiran pertenecer a nada que teña que ver con “esta Union Europea”. Sabe que a saída pódelle afectar, “unha metade non quere que pase pero a outra metade entende as razóns dos británicos para elixir un posible Brexit”, conclúe.

Laura Casal, de Lugo: "Egoistamente quero que queden, porque agora vivo aquí e é onde teño a miña vida"

Por ultimo, para Laura Casal, de Lugo, “a Unión Europea é un modelo que en moitas áreas é caduto e está, dalgún xeito, viciado polas prebendas que se lle deron a alguns países como Reino Unido”. Despois de dous anos en Londres dálle “realmente igual” se Reino Unido queda ou sae da UE. “Egoistamente quero que queden, afirma, porque vivo aquí e agora teño a miña vida aquí”. Pero, por outra banda, “durante os últimos meses vin e escoitei cousas dos británicos que me fan pensar que necesitan estar fóra da UE para realmente darse de conta do seus propios problemas e resolver as grandes fendas sociais que existen neste país”. Ela non está preocupada por un posible Brexit porque “unha vez que entras no 'sistema' e pagas os teus impostos semella dificil que teñas que abandonar o país”, puntualiza.

O único seguro é que con Brexit ou sen Brexit Reino Unido vivirá a partir do 23 de xuño un periodo de días turbulentos. O país comezará un proceso para intentar encaixar nunha Unión Europea que o mirará receloso ou, polo contrario, para entender o seu novo estatus como país independiente lonxe das 'ataduras' de Bruxelas.  

A fotografía é de Paintsmiths

Comentarios