A Bretaña ameaza con fechar as praias logo de París decidir finalmente abrilas

Na pasada fin de semana as praias da Bretaña reabríronse á cidadanía despois dunha longa pugna co Goberno do Estado. Unha decisión que, porén, podería ser revertida, segundo ameazaron os alcaldes dos municipios costeiros, ante a avalancha de visitantes e o incumprimento das normas impostas ante a pandemia.
2020052015085919979
photo_camera A Bretaña é un dos lugares que a cidadanía de París elixe maioritariamente para as súas vacacións (bretagne.bzh)

Tras unha intensa campaña por parte das cidadanía e das autoridades locais, a Bretaña recuperou o acceso á costa. Porén o incumprimento das normas e a grande afluencia de persoas de dentro e fóra do país puxeron no aire a permanencia da decisión.

É o caso da localidade de An Ardeven (Erdeven, oficialmente, en francés), en Ar Mor-Bihan (Morbihan, o departamento ou provincia número 56 dos 101 en que Francia divide o Estado). Segundo informa o xornal local Le Télégramme, o alcalde Dominique Riguidel decretou o feche da praia de Kerhilio a partir de hoxe (festivo a nivel estatal) e até o domingo, ponte da Ascensión. 

"Toda a costa do municipio de Etel foi invadida por unha poboación irresponsábel que ignora as áreas sensíbeis, descoidando a aniñación recente e a biodiversidade en xeral". A zona é coñecida polas dunas e polas aves que as habitan, como a píllara pequena.

No caso concreto da praia de Kerhillio, "embaixadores de boa vontade" encargáronse nestes primeiros días de lembrar aos visitantes as normas de conduta. Porén, di Riguidel "nada saíu segundo o planeado", non só pola avalancha de xente, senón sobre todo polos que non respectaron as normas de paseo dos cans. 

Tamén os alcaldes de Beler e Damgan solicitaron o feche das praias ante a imposibilidade de controlar o incivismo, segundo informa France Bleu, ao igual que os rexedores de Gourenez Rewiz (a península de Rhuys) por culpa, din, "de 5% de persoas" incívicas.

A reapertura das praias veu condicionada por unha distancia de 100 km, con 135 euros de multa en caso de incumprimento. Porén, segundo denuncian as autoridades municipais houbo unha grande afluencia de caravanas chegadas de máis lonxe. 

Pascal Lelarge, o prefecto (delegado do Goberno francés na provincia) de Penn-ar-Bed (departamento de Finistère), dixo que as forzas de seguridade do Estado intensificarán a súa actividade nas vindeiras dúas semanas.

Maior autonomía

A rexión administrativa francesa da Bretaña está dividida en catro departamentos. Côte d'Armor, Finisterre, Ille-et-Vilaine e Morbihan. Mais a nación histórica (Breizh, en bretón, que se divide en nove territorios ou broioù) tamén inclúe o departamento de Loire-Atlantique. A reunificación e a reclamación de maior autonomía ─e mesmo a independencia─ son temas capitais para o nacionalismo bretón.

Neste sentido, a reapertura das praias da Bretaña chegou despois dunha intensa pugna entre as autoridades locais e o Goberno de París. Alcaldes, prefectos e o presidente da rexión administrativa, nunha inusual unanimidade política, reclamaban desde hai semanas esta medida. 

Ademais, a regra dos 100 km estabeleceuse como medida de protección ante a afluencia turística, aínda que a multa de 135 euros non está a conseguir un efecto disuasorio contundente.  

Por exemplo, a Unión Democrática Bretoa (UDB), partido que se define como "de esquerdas, ecoloxista e autonomista", di que o poder central está "desconectado dos territorios" e " é incapaz de adaptar a súa política ás realidades locais". "A Bretaña, unha zona verde [menos afectada polo virus], non pode acceder ás súas praias porque París o decide?" 

E pregúntanse: "Canto tempo imos vivir neste sistema piramidal que demostrou a súa neglixencia?".  "Nun sistema federal, a situación sería bastante diferente e non estariamos pedindo, nin sequera rogando, a autorización do Estado central", reflexionan.

O descontento coa falla de autonomía na Bretaña está a aflorar coa xestión da pandemia. Segundo informa Le Tregor, o pasado 11 de maio levouse a cabo unha concentración na praia de Trestel, en An Trevoù (Trévou-Tréguignec, no departamento francés de Côtes-d'Armor ), para exixir a reapertura das praias ao público, convocada pola asociación Nique pas ta mer (literalmente, "Non fodas o teu mar") e coa participación das autoridades locais.

E nos últimos días a localidade de Lannuon (Lannion), neste mesmo departamento francés que se corresponde co bro Dreger bretón, apareceu con varias pintadas onde se podía ler: "As praias son bretoas. Estado francés fóra. FLB (Fronte para a Liberación da Bretaña)" ou "Independencia".

Comentarios