O Brasil vira da dereita ultra á tradicional nas municipais

Jair Bolsonaro sae debilitado destas eleccións. Na maior cidade do país, São Paulo, será un candidato progresista o próximo alcalde.
EuropaPress_3423928_presidente_brasil_jair_bolsonaro_estados_unidos_donald_trump
photo_camera Bolsonaro co presidente dos EUA, Trump, nunha foto de arquivo (Foto: Alan Santos / Zuma Press)

Os partidos do espectro político do centrodereita no Brasil recuperaron nas eleccións municipais parte do espazo político que a ultradereita conquistou nas presidenciais de 2018. Nos comicios, que se desenvolveron o pasado domingo, o Partido Social Democrático (PSD) e o Movimento Democrático Brasileiro (MDB) son as dúas formacións que máis Gobernos municipais conseguiron atinxir.

Este resultado, en principio, debilita o presidente Jair Bolsonaro. A maioría dos candidatos apoiados por el non lograron obter os apoios necesarios nin sequera para disputar unha segunda volta electoral. Os únicos dous que recibiron o apoio explícito de Bolsonaro e lograron continuar na contenda até o próximo día 29 son Wagner Sousa, en Fortaleza, e Marcelo Crivella, no Rio de Janeiro, berce electoral do clan Bolsonaro.

Crivella, actual alcalde e bispo evanxélico, conseguiu chegar á segunda volta, mais a tendencia é que na segunda volta Eduardo Paes, do partido Demócratas (centrodereita), se impoña. Sousa, pola súa banda, medirase co laborista José Sarto

Non obstante, en Twitter, Bolsonaro centrouse en que "a esquerda sofreu uma histórica derrota nessas eleições, numa clara sinalização de que a onda conservadora chegou em 2018 para ficar". E asegurou: "Para 2022 a certeza de que, nas urnas, consolidaremos nossa democracia com um sistema eleitoral aperfeiçoado". 

Tamén quixo reduciu a importancia do seu apoio a só "alguns poucos candidatos", aínda que nas  últimas semanas avalou case unha vintena, entre estes seis ás principais capitais do país. Bolsonaro, cuxo actual partido Aliança pelo Brasil está en desenvolvemento, non formaba parte de ningunha forza política desde que abandonou o Partido Social Liberal (PSL) con que gañou as eleccións de 2018, polo que non contaba con ningún candidato oficial nestes comicios.

Progresismo en São Paulo 

En São Paulo, a maior cidade do Brasil e de América do Sur, o actual alcalde, Bruno Covas, do Partido da Social Democracia Brasileira (PSDB, centro-esquerda), que obtivo case 33% dos apoios, enfrontarase ao do Partido Socialismo e Liberdade (PSOL), Guilherme Boulos, quen se fixo con 20%.

Ambos os dous, moi por diante da opción apoiada por Bolsonaro, Celso Russomanno, que atinxiu 10%.

Comentarios