Brasil, de novo na rúa, a prol e en contra de Jair Bolsonaro

Con case 700.000 casos confirmados e máis de 37.000 mortes, segundo os datos actualizados onte, o Brasil é o segundo país en número de contaxios e o terceiro no de decesos, no medio da lea sobre a maneira de rexistrar os datos.
2020060814263430473
photo_camera As marchas tamén protestaron polo racismo e a violencia policiais (Myke Sena / dpa)

A cidadanía do Brasil saíu, unha vez máis, ás rúas de varias cidades do país nas últimas horas para se manifestar a favor e en contra do presidente Jair Bolsonaro, no medio da polémica pola decisión do Goberno de suspender os informes diarios sobre a evolución da pandemia do coronavirus no país. A Fiscalía brasileira deu de prazo até mañá para que o Ministerio de Saúde explique a omisión de datos consolidados sobre a pandemia, adoptada desde a sexta feira.

En São Paulo, miles de persoas congregáronse o domingo no Largo da Batata, un punto de encontro tradicional no barrio nobre de Pinheiros. Pancartas en defensa da democracia, contra o racismo e críticas a Bolsonaro predominaban entre os manifestantes, a maioría xente nova. Moitos vestían roupas negras e usaban máscaras, segundo recolleron os medios locais.

Ao mesmo tempo, na Avenida Paulista, a uns 6 km, medio cento de persoas concentráronse para expresar o apoio delas ao presidente Bolsonaro e defenderen a fin do confinamento.

As autoridades rexionais pediran manter os actos separados para evitar enfrontamentos. Con todo, ao final da tarde (madrugada de onte na Galiza) un pequeno grupo tentou encontrarse coa manifestación mais as forzas policiais impedírono.

Tamén na capital, Brasilia, con máscaras e vestidos de negro, centos de persoas camiñaron con instrumentos de percusión e bengalas cara ao paseo dos ministerios portando pancartas con mensaxes como "Todos pola democracia", "Contra o racismo e o fascismo" e "Terrorismo é a política de exterminio do Goberno".

Un grupo menor a favor do presidente brasileiro concentrouse, como cada fin de semana, fronte a sedes dos poderes públicos pedindo a fin do confinamento, a "intervención militar". 

Disputa polos datos

Bolsonaro é crítico coas autoridades locais e con outros poderes do Estado pola aplicación de corentenas, ao tempo que defende a publicación parcial dos números da pandemia.

Con case 700.000 casos confirmados e máis de 37.000 mortes, segundo os datos actualizados onte, o Brasil é o segundo país en número de contaxios e o terceiro no de decesos, no medio da lea sobre a maneira de rexistrar os datos. O Goberno federal estima que os falecementos son menos, mentres que os locais aseguran que son moitos máis.

Comentarios