Bota a andar a carreira sucesoria polo trono da UE

A Unión Democrática Cristiá (CDU, nas siglas en alemán), a maior formación política de Alemaña que leva 16 anos marcando a política do país e de toda a UE, elixe hoxe o seu novo líder. Son tres os candidatos, que abalan entre o continuísmo e unha viraxe cara á extrema dereita. Mais chanceler podería non selo ningún deles.
merkel_moser2
photo_camera O primeiro ministro de Baviera, Markus Söder, con Merkel (CSU)

Son 1.001 delegados da conservadora Unión Democrática Cristiá (CDU, nas siglas en alemán) os que hoxe elixirán o novo líder do partido que leva marcando o ritmo das políticas económicas de millóns de europeos desde hai máis de tres lustros. Coa votación de hoxe iníciase a carreira sucesoria polo trono da Unión Europea que até agora ocupou a presidenta do Goberno de Alemaña, Angela Merkel, no cargo desde novembro de 2005.

O 29 de outubro de 2018, a chanceler alemá anunciaba a súa retirada da política: non se presentaría á reelección en 2021, ao termo da presente lexislatura, e tampouco optaría a repetir como líder da CDU no congreso que se desenvolvería dous meses despois tras máis de 18 anos como presidenta do partido. A decisión chegaba tras os malos resultados nas eleccións daquel mes nos länder de Hesse e Baviera.

Foi consecuencia tamén dunhas eleccións, neste caso en Turinxia en febreiro do ano pasado, que a sucesora e dauphin de Merkel á fronte da CDU, Annegret Kramp-Karrenbauer, comunicou a súa renuncia a presidir o partido e a ser candidata á Chancelaría alemá. O polémico voto conxunto de conservadores e liberais cos ultradereitistas de Alternativa para Alemaña (AfD, en alemán) naquel land forzouna a tomar esta decisión.

Volta ás esencias

Kramp-Karrenbauer, que encarna como Merkel a liña máis centrista e europeísta dentro da conservadora CDU, impúxose no congreso do partido a un dos candidatos que hoxe se presenta a sucedela, Friedrich Merz. Ex portavoz da formación no Bundestag estaba retirado da política desde 2009, mais regresou en 2018 para pelexar con Kramp-Karrenbauer pola presidencia da CDU. 

Merz perdeu por pouco e agora regresa tras deixar recentemente o seu posto de presidente en Alemaña de BlackRock, a maior multinacional de xestión de activos do mundo, para "axudar o partido na súa renovación". Isto é, virar cara á dereita e recuperar os electores captados pola AfD nos últimos catro anos.

Durante os debates dos últimos meses sobre o plan de recuperación da UE da pandemia, Merz foi unha das principais voces en Alemaña contrarias á mutualización da débeda. "A solidariedade, porén, non pode consistir simplemente en dispor con rapidez novos recursos de financiamento para problemas que xa existían antes da crise do coronavirus", declarou en abril en referencia á débeda acumulada dalgúns Estados da UE, entre estes España ou Italia.

Merz, con todo, foi fiel ás esencias do partido, que é polo que avoga coa súa candidatura. Defendeu a mesma postura que unha década antes defendera Angela Merkel durante a crise da débeda en Grecia e noutros Estados da UE, negándose en firme á emisión dos eurobonos. 

De volta á actualidade, neste punto e noutras outras cuestións os outros dous candidatos ─Norbert Rottgen e Armin Laschet─ están próximos ás posturas da Merkel de 2021. Non obstante, segundo os medios alemáns, Merz parte con vantaxe. O resultado coñecerase a finais da semana que vén.

En calquera caso, podería ser que ningún dos tres acabase sendo candidato a presidente do Goberno (Rottgen ministro do Ambiente entre 2009 e 2012, xa manifestou que non o pretende). Non o serán de atenderen ás enquisas. Segundo a última publicada onte pola canle de TV pública ZDF, a maioría da cidadanía non considera apto para ser chanceler a ningún dos tres. 

Merz e Röttgen recibiron 29% de aprobación e Laschet, que é primeiro ministro de Renania do Norte-Westfalia, 28%. Supéraos o ministro de Saúde, Jens Spahn (CDU), que chegou a 32%. Spahn, de 40 anos, abertamente gay e estrela emerxente no partido, xa se presentara a presidir o partido en 2018, mais desta volta irá de segundo na lista de Laschet.     

Un chanceler bávaro

Mais por riba de todos eles sitúase o primeiro ministro de Baviera, Markus Söder, con 54% de aprobación. Söder é líder da CSU, a formación irmá da CDU neste Estado federado, e unha poderosa figura política en toda Alemaña. De feito, unha enquisa publicada na quinta feira polo xornal conservador FAZ recollía que é o candidato favorito das elites económicas do país.

Söder, que nunha análise de Deutsche Welle foi cualificado de político "ambicioso e paciente", é outro dos líderes europeos que están a gañar popularidade grazas á xestión da pandemia. Foi o primeiro dos líderes alemáns en fechar escolas e en parar o fútbol profesional, e tamén foi o primeiro en relaxar as restricións cando a situación mellorou.

Como presidente do consello de primeiros ministros dos länder, que teñen amplas competencias en diversos eidos para facer fronte á crise sanitaria, está a xogar un papel decisivo na toma de decisións. Ademais de ocupar moitos minutos de TV tras os comités de crise canda a Merkel, da que nas horas previas ao congreso de hoxe dixo que a CDU debía "conservar o seu legado".

A dereita cos verdes ou a gran coalición

En marzo de 2020, cando se declarou a pandemia, as enquisas daban á Unión (CDU/CSU) porcentaxes de voto por baixo de 30%. Un mes despois chegou a rozar 40%. Desde entón, todos os partidos se manteñen nos mesmos números. As últimas publicadas en 2021 dan á Unión arredor de 36%; aos Verdes, 20%; ao Partido Socialdemócrata (SPD, socio no Goberno do partido de Merkel), 15%; á AfD, 10%; á Die Linke ("A Esquerda"), 8%; e ao Partido Democrático Libre (FDP, liberais), 6%.

A designación en agosto de Olaf Scholz (45% de aprobación na enquisa de ZDF) como candidato do SPD fixo achegar o partido á segunda posición, mais Os Verdes aumentaron de novo a vantaxe nos últimos meses de 2020. Con estes resultados, as únicas opcións de Goberno serían repetir a gran coalición (CDU/CSU-SPD) ou o pacto da Unión e Os Verdes. O acordo Verdes-SPD-Die Linke non sería viábel.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios