Boris Johnson será o inquilino de Downing Street após a súa clara vitoria nas primarias

Sen sorpresas. A liña dura pro-Brexit impúxose con clareza nas primarias para relevar Theresa May á fronte do Conservative Party. Boris Johnson vai ser o primeiro ministro. Está disposto a saír da UE sen acordo con Bruxelas. Ten un problema: o Parlamento británico, en principio non.
boris
photo_camera Boris Johnson

Moi alta participación no referendo interno dos tories —votou 87,4% das 159.320 persoas con direito a sufraxio— e incontestábel vitoria do ex alcalde de Londres e ex ministro de Asuntos Exteriores. Boris Johnson, historiador e xornalista, fíxose con 66% dos apoios face 34% recollidos polo seu rival Jeremy Hunt.

Na súa primeira intervención como novo líder conservador, marcou os tres primeiros obxectivos da súa lideranza á fronte da formación conservadora: "Cumprir co Brexit, unir o país e derrotar Jeremy Corbyn".

A súa aterraxe en Downing Street non vai ser pacífica e a previsión é que algúns ministros acompañen Theresa May no seu abandono do gabinete, entre eles o ministro de Asuntos Exteriores, Philip Hammond, en representación do sector do partido que non avala o abandono da UE sen acordo o próximo 31 de outubro e que, en troca, advoga pola prórroga das negociacións con Bruxelas.

Porén, o maior problema de Johnson teno en Westminster: o Parlamento británico rexeita unha saída da UE non pactada coas autoridades comunitarias e o partido líder da oposición, o Labour Party, defende xa abertamente un novo referendo coa vista posta na permanencia do Reino Unido na Unión.

Comentarios