venres 10.07.2020

Bolsonaro bloquea 1.500 millóns de euros destinados á pandemia

Ademais, no Ecuador desenvolveuse unha operación contra a corrupción sanitaria relacionada coa pandemia. 
O presidente do Brasil, Jair Bolsonaro (Marcos Corrêa / Palacio Planalto)
O presidente do Brasil, Jair Bolsonaro (Marcos Corrêa / Palacio Planalto)

O presidente do Brasil, Jair Bolsonaro, decidiu na cuarta feira (madrugada de onte na Galiza) vetar a transferencia duns 8.600 millóns de reais (aproximadamente 1.500 millóns de euros) procedentes do Fondo de Reserva Monetaria (FRM) e destinadas ás autoridades estatais e municipais para combater a pandemia da COVID-19.

Creado en 1966, o FRM tiña o fin de ser utilizado para facer fronte ao pago da débeda pública, aínda que non recibía fondos desde 1988, cando se promulgou a Constitución e considerouse irregular polo Tribunal de Contas en 2016, polo que estaba prevista a súa disolución. É por iso que, desde o Congreso, se propuxo unha emenda para utilizar ese diñeiro que quedaba no FRM na loita contra a pandemia

O Goberno xustificou a decisión alegando que esa proposta parlamentaria, aprobada en maio amplamente polo Congreso e polo Senado, contradí o obxectivo orixinal deste fondo, polo que se podería incorrer nunha acción inconstitucional, xa que ademais ese tipo de medidas que contemplan un aumento de gasto son iniciativa exclusiva do presidente. 

Con todo, a iniciativa ─que xerou sorpresa mesmo no entorno de Bolsonaro─ volverá ao Congreso, onde se deberá discutir o veto presidencial, podendo ser revogado se así o considera.

Corrupción no Ecuador

Por outra banda, un total de 17 persoas foron detidas no Ecuador, entre estas o ex presidente Abdalá Bucaram, nunha grande operación que se desenvolveu en Quito e Guayaquil, con 37 rexistros, contra a corrupción, incluída a malversación de fondos e o tráfico de influencias, asociada á pandemia de coronavirus.

comentarios