xoves 03/12/20
A participación electoral sitúase en máximos históricos superando 87% do total do censo

Bolivia prepárase para a súa batalla máis difícil

As guerras líbranse por batallas, porén o pobo boliviano ten por diante a máis complicada. O impresionante éxito electoral do MAS non pode agochar as dificultades dunha acción gobernamental que vai ter enfronte a oligarquía, o exercito e os Estados Unidos. O Golpe de Estado contra Morales demostra que unha cousa é o Goberno é outra o poder.

(Foto: Europa Press)
(Foto: Europa Press)

A espectacular vitoria do Movemento ao Socialismo (MAS) colleu por sorpresa a esquerda americana pero tamén a propia dirección do MAS. As numerosas enquisas que se foron coñecendo nas semanas previas á realización dos comicios en ningún caso situaron a formación de Evo Morales por riba de 50% dos sufraxios nin previron unha participación de 87%, a máis elevada de toda a serie histórica de Bolivia. Aínda así, o candidato do MAS e próximo presidente, Luís Arce, advertiu durante a campaña electoral da existencia dun voto oculto a favor da súa formación e da presenza dunha vaga de simpatía en sectores que abandonaran a formación nos últimos procesos.

As causas dos resultados son diversas pero están moi ligadas á boa valoración das políticas aplicadas polos Executivos de Evo Morales e a fortaleza ideolóxica e organizativa do conglomerado social nucleado arredor do MAS. A diferenza doutras experiencias políticas da esquerda na rexión, esta formación é o resultado dun proceso de converxencia do poderoso movemento popular boliviano, onde conviven as diferentes federacións agrupadas na Central Obreira Chilena (COB), as organizacións labregas e as asociacións do movemento indíxena. Ao tempo, a súa formulación doutrinal é orixinaria ao buscar a ligazón das teses do marxismo coa realidade boliviana, na liña das achegas teóricas na década dos 80 de Álvaro García Linera, vicepresidente con Evo Morales e unha das referencias da formación.

“A vitoria das convicións”

Un bo coñecedor da realidade política boliviana, o economista e director do Centro Estratéxico Latinoamericano de Xeopolítica (Celag), Alfredo Serrano Mancilla, refírese precisamente a este aspecto para explicar a vitoria do MAS. Así, nun artigo publicado en diversos xornais como La Diaria de Uruguai e titulado “Bolivia, a vitoria das convicións” sinala que “nin toda a posmodernidade puido nin poderá acabar co poder das conviccións. O resultado explícase precisamente por isto: é a vitoria das conviccións. Luís Arce, candidato do Movemento ao Socialismo (MAS), é hoxe o presidente electo pola defensa acérrima –sen disimulo, nin titubeo– dun proxecto político, dun corpus de ideas baseado na soberanía, nacionalizacións de recursos estratéxicos e a redistribución como eixo ordenador da economía”.

A vitoria do MAS está a ser analizada en chave continental. Nesta liña, o sociólogo arxentino Atilio Borón escribe no diario Pagina 12 ao fío dos resultados que “as centrais estratéxicas da dereita teñen un proxecto de alcance mundial e traballan para impedir a estabilización de Gobernos progresistas ou a inauguración dun dese signo político. Quen se animaría a rexeitar a idea de que no corazón de Sudamérica que é Bolivia acaba de saír o sol cuxos raios iluminarán as próximas eleccións en Chile, no Brasil, Paraguai, Venezuela e as presidencias do Ecuador, en febreiro de 2021? Tal vez, sen decatarnos, sexamos testemuñas dun xiro histórico impensábel hai unhas poucas semanas.

Os perigos inmediatos do proceso boliviano están presentes en boa parte das análises. Nese sentido, a pensadora arxentina Claudia Korol insta nas páxinas da edición de América Latina de Jacobin a aproveitar “a forza e lexitimidade que dá o resultado electoral, para afondar no proceso de cambio, para que non fique atrapado nas lóxicas institucionais das democracias condicionas polo lobby mundial multinacional e dos Gobernos servís”. Ao tempo, destaca que “o triunfo do MAS debe ser confirmado con accións cotiás que pacifiquen o país a partir da xustiza e non da impunidade e da desmemoria”. 
 

comentarios