América do Sur

Bolivia denuncia un golpe de Estado

A violencia de grupos opositores ao presidente Evo Morales tórnase máis virulenta. O Ministerio de Exteriores denuncia que algúns dirixentes dos denominados ‘movementos cívicos’ están a levar a cabo un golpe de Estado e tentan tomar a sede do poder Executivo. Cargos institucionais da esquerda e edificios municipais son agredidos.

Bolivia
photo_camera Evo chama a mobilización para defender a democracia (@EvoEsPueblo)

O Ministerio de Exteriores de Bolivia emitiu un comunicado onde alerta dun intento de golpe de Estado a través dos chamados ‘grupos cívicos’ baixo o liderado de Luis Fernando Camacho, xefe do Comité Cívico de Santa Cruz, e do ex candidato á presidencia e opositor Carlos Mesa, quen denunciara unha presunta fraude electoral após as eleccións nas que Evo Morales resultou reelixido. O Goberno, a través dun comunicado, denunciou un plan da oposición para tomar a Casa Grande do Pobo, sede do Executivo.

Os grupos cívicos e a coalición política da dereita rexeitan, porén, a auditoría internacional que se está levando a cabo en Bolivia desde o 30 de outubro após solicitarse ante o Tribunal Supremo Electoral de Bolivia.

Morales gañou as eleccións a 20 de outubro e en primeira volta, cuestión que a dereita non aceptou e acusouno de fraude electoral chamando a mobilizacións nas rúas.

«Convoco o noso pobo a coidar pacificamente a democracia e a CPE (Constitución Política do Estado Plurinacional de Bolivia) para preservar a paz e a vida como bens supremos por riba de calquera interese político”, escribiu o presidente boliviano en Twitter.

Violencia contra representantes institucionais do MAS

Atacan alcaldesa do MASO Goberno denuncia tamén a violencia dos ‘dirixentes cívicos’ e da oposición que «impulsan» a queima de institucións electorais e perseguen cargos e simpatizantes do MAS (Movemento ao Socialismo).

Sexta feira 9 de novembro, foi asaltada e queimada a casa do concello de Vinto, en Cochabamba, e a alcaldesa do MAS, Patrice Arce, foi rapada, botáronlle pintura vermella por todo o corpo e obrigada a camiñar polas rúas da cidade rodeada dunha manchea de opositores e conducida durante quilómetros camiñando polas rúas até que finalmente puido ser rescatada pola policía.

Comentarios