xoves 02/12/21

Bobby Sands, o ritmo do tempo

The rhythm of time é o título dun dos poemas que o preso político irlandés escribiu nos seus anos en prisión. Icona anti-imperialista e símbolo da resistencia até os seus últimos días, este 5 de maio conmemórase o 32 aniversario da morte de Robert 'Bobby' Sands

 

"Non vou repousar até conseguir a liberación do meu país. Até que Irlanda se convirta nunha república soberana, socialista e independente"

(Bobby Sands 1954-1981)

Roibeárd Gearóid Ó Seachnasaigh dicía de si propio que era só un neno de clase obreira ao que a represión inglesa espertara o espírito revolucionario de liberdade. 32 anos após a súa morte, segue a ser símbolo de resistencia. 

Margaret Tatcher foi responsábel do seu pasamento. Intransixente até os últimos días negouse a escoitar as demandas dos presos do IRA e do INLA que en sucesivas folgas demandaban do imperio británico seren recoñecidos como presos políticos. Combatentes nun conflito que por varias décadas tivo dous bandos claramente definidos. 

Bobby Sands foi un dos membros do IRA/INLA que faleceu após 66 días sen comer na loita coñecida polas Five Demands. 5 demandas nas que reclamaban ao goberno inglés un Estatus penitenciario especial. As demandas, teren dereito a non vestir uniforme, a non desenvolver traballo algún na cadea, dereito á libre asociación con outros presos mais tamén a recibiren correspondencia do exterior unha vez por semana. "Non, non e non" foi a resposta de Margaret Tatcher ás exixencias dos presos políticos.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Da Protesta da Manda á Folga de fame

A campaña de protesta comezou en 1976 co Protesto da Manta na que os nacionalistas se negaban a portar o uniforme imposto pola prisión e exixían seren recoñecidos como prisioneiros políticos. 

Logo de que varios deles foran atacados pola policía inglesa encetaron o Protesto Sucio (1978) que os levou a non se lavaren e emporcallar a cela como respulsa ás imposicións do executivo británico e a negativa deste a lles recoñecer un estatus propio. "Un crime é un crime, non política" afirmou a primeira ministra na Cámara de representantes perante as demandas do IRA/INLA. 

Bobby Sands era naquela altura dirixente do colectivo de presos. Mais tamén parlamentar eleito após a convocatoria electoral que deviñera do falecemento dun dos representantes da súa circunscrición. Perante a intransixencia británica, en 1981 Sands e 23 presos máis inician unha folga de fame que duraría até o 3 de outubro dese mesmo ano. Dez meses en loita e dez presos mortos. 

Após o cesamento do protesto, debilitado polas demandas dalgúns familiares que exixían a intervención médica para salvar a vida dos presos, James Prior, secretario de Estado de Irlanda do Norte anunciaba publicamente a decisión de que os presos do IRA non tivesen obriga de vestir "en todas as ocasións" uniforme, tamén así permitirían ás familias visitar e enviar correspondencia semanalmente ás cadeas. No entanto, o goberno británico nunca recoñeceu a condición de presos políticos aos membros da resistencia irlandesa. 

A folga de fame e a perseverancia dos presos, entre eles Bobby Sands, consolidou o proxecto político do Sinn Fein en Irlanda que após un ano da Folga de 1981 conseguiu 5 escanos no Parlamento irlandés. O apoio popular a Sands e os demais presos en folga ficou notorio no enterro do nacionalista ao que asistiron maís de 100.000 persoas. A figura de Sands, pasaría a historia como un símbolo de combatividade, perseverancia e loita polos dereitos dos presos mais tamén das nacións sen Estado que aínda hoxe, seguen a loitar por un país soberano, socialista e independente. 

"... a nosa vinganza será o sorriso das nosas crianzas"

Bobby Sands, o ritmo do tempo
comentarios