Boas novas para os republicanos: a maioría dos irlandeses a prol da reunificación e o Sinn Féin gañaría agora as eleccións

O debate sobre a unidade da illa gaña peso e apoios na República, rachando unha ‘apatía’ de décadas.

eleccións irlanda do norte sinn feín
photo_camera Imaxe de arquivo dunhas eleccións en Irlanda do Norte.

Durante décadas, na República de Irlanda houbo certo ‘cansancio’, mesmo fastío, a respecto do debate sobre a reunificación da illa. Mais xa non. A fin das décadas de guerra aberta no ‘norte’ e o proceso de pazo e, máis actualmente, o ‘Brexit’, fan que o debate volva ter espazo e interese para importante sectores da sociedade irlandesa.

Así, e segundo recolle Innisfree1916 a maioría dos cidadáns da República de Irlanda votaría hoxe a favor da reunificación da illa se se convocase un referendo, segundo unha recente enquisa no o  Sunday Business Post. O inquérito especial de 10 preguntas profunda nas actitudes cara á cuestión nacional entre os habitantes da República.

O 60% votaría a favor fronte a 25% que o faría en contra da reunificación da illa, é dicir, que os seis condados que actualmente están baixo soberanía británica pasen a facer parte da República: un único país.

Iso si, os apoios á Irlanda unida caen se a reunificación implicase  pagar impostos máis altos: nese caso, só o 41% dos votantes estaría a favor, mentres que o 43% estaría en contra.

Iso si, os apoios á Irlanda unida caen se a reunificación implicase  pagar impostos máis altos

As persoas enquisadas tampouco están dispostos a facer concesións os ‘unionistas’ no marco dunha Irlanda unida, segundo revelou a enquisa. Só 27% dos enquisados estarían dispostos a cambiar a bandeira  tricolor da República de Irlanda por unha nova bandeira que representase a unidade irlandesa, mentres que 59% estaría en contra.

Tampouco aceptarían cambiar outros símbolos nacionais: 52% oponse a que  Amhrán  an  bhFiann (A canción do soldado) deixase de ser o himno nacional, fronte 35% que estaría a favor.

Igualmente, os enquisados rexeitaron  abrumadoramente a idea de que Irlanda se reincorporase á  Commonwealth británica: 58% en contra da proposta e 23% a favor.

O  SF gañaría as eleccións

A enquisa tamén repasa o apoio dos diversos partidos políticos. O Sinn Féin de  Mary Lou McDonald volvería gañar as eleccións na República de Irlanda co 33% dos votos, ampliando a súa vantaxe sobre os partidos que hoxe gobernan en coalición.

O  Fine  Gael do vice primeiro ministro Leo Varadkar (conservador e non nacionalista) quedaría en segunda posición con 22%, mentres que a  Fianna  Fáil do primeiro ministro  Mícheal Martin (liberal e nacionalista) debería conformarse cun 15%.

En febreiro pasado, unha enquisa de LucidTalk para o Belfast Telegraph,situaba o Sinn Féin como a forza máis votada en Irlanda do Norte, cun 24% dos votos.

Comentarios