Boas noticias para o independentismo no último inquérito "prohibido"

O oráculo de Escocia prognostica maioría absoluta independentista de aquí a pouco máis de 24 horas. O inquérito "prohibido" de The National -continuidade do que publicou durante a campaña ElNacional.Cat- outorga ao bloco partidario dun Estado catalán propio entre 69 e 73 escanos, a mellor proxección demoscópica tida até o de agora polos soberanistas. Cs non ve en perigo a súa condición de primeira forza en percentaxe de voto, non así en escanos.

ERC
photo_camera Un aspecto do mitin de encerramento de campaña de ERC en Sant Vicenç dels Horts

O inquérito de Feedback -a consultar aquí- mostra que nas últimas horas as forzas que rexistan unha tendencia alcista son ERC, Junts per Catalunya e o PP, en tanto que van cara abaixo Cs, PSC e a CUP -levemente. A maior queda corresponderíalle aos comúns.

No sprint final -o día da reflexión obviamente é unha entelequia e as máquinas organizativas das distintas forzas continúan a peneirar o territorio até a última hora disponíbel-, o bloco independentista pode ollar con maior optimismo o desfecho, o desenlace do 21-D, sempre segundo o inquérito que publica estes días -non suxeito á xuridisción española que prohibe as sondaxes nas últimas cinco datas antes do día das urnas- o rotativo soberanista escocés The National.

ERC e Cs continúan a se disputar a primeira praza e aquí o resultado final pode deitar o paradoxo de a formación republicana ter máis escanos e, aliás, menos votos do que a lista de Arrimada. A chave desa eventual contradición? Pois que ERC tería unha mellor distribución territorial dos seus sufraxios, en tanto que Ciudadanos sería singularmente forte na circunscrición eleitoral de Barcelona, a máis populosa do Principat.

No outro "inquérito prohibido", o que publica El Periódico de Andorra, as noticias apontan tamén a unha hipotética maioría independentista -embora máis axustada-, con ERC claramente como primeira forza.

Corrección: na edición orixinal desta noticia consignouse por erro a marca eleitoral "Junts per Sí" cando en realidade o seu nome correcto é "Junts per Catalunya".

Comentarios