O BNG emenda uns Orzamentos discriminatorios con Galiza

O deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, opina que o Goberno de Pedro Sánchez deixa atrás a Galiza ao reducir máis dun 11% as contas respecto a 2018

Néstor Rego nunha intervención no Congreso. (Foto: BNG)
photo_camera Néstor Rego nunha intervención no Congreso. (Foto: BNG)

O BNG insistiu esta cuarta feira na súa intención de presentar unha emenda á totalidade dos Orzamentos do Estado para 2021 por entender que hai unha clara discriminación da Galiza. O deputado Néstor Rego sostén que a proposta non concorda co que defende o Bloque Nacionalista Galego.

“Queda moi lonxe das políticas verdadeiramente transformadoras que defende o BNG, que aposten porque a saída da crise económica e social non recaia -unha vez máis- sobre as maiorías sociais e actúen como verdadeiro mecanismo de reequilibrio social”, explica Rego.

Neste sentido, recordou que os investimentos no país caen, segundo as contas de Pedro Sánchez, en máis dun 11% con respecto a 2018, un ano que planificou o PP e no que as inversión xa lle parecían insuficientes.

Unha das preocupacións do representante é que non haxa cartos para actuacións de certa urxencia como as infraestruturas ferroviarias. Por iso reclamará máis propostas de mellora para Galiza.

“É inaceptábel que, sufrindo a nosa nación un déficit histórico en investimentos en equipamentos e infraestruturas o proxecto de Orzamentos non só non compense ese déficit senón que non atenda a necesidades perentorias do noso país” remarca.

Rego recordou que o global sube pero non seguen a mesma liña as apostas polo país. Por exemplo, non só fala do que se precisa o AVE senón de liñas de tren de proximidade e da ampliación do Eixo Atlántico para cando Portugal complete a conexión.

Por outra banda, o BNG rexeita un proxecto de orzamentos no que, en plena pandemia sanitaria, máis de 40% dos investimentos reais do Estado destínanse ao ámbito militar. Ou que o orzamento destinado á Casa Real ascenda nun 6,9%.

Comentarios