Día da Patria Vasca

O BNG reivindica o dereito a decidir no Aberri Eguna

O Aberri Eguna contou coa participación do BNG por medio do seu coordinador da área de relacións internacionais, Rubén Cela. No acto organizado por EH Bildu en Iruña reivindicouse o dereito a decidir dos pobos. O PNV conmemorouno en Bilbo ante centos de persoas, e Podemos uniu a reivindicación da data cos dereitos sociais. O acto organizado pola dereita española para contraprogramar a Bildu só xuntou unhas ducias de asistentes.

aberri
photo_camera Rubén Cela (coordinador de internacional do BNG) xunto a Marta Vilalta (portavoz de Esquerra) e Jordi Solé (eurodeputado de Esquerra)

A celebración do Día da Patria Vasca, o Aberri Eguna, foi celebrado en distintas localidades polas organizacións políticas vascas. Urkullu interveu na conmemoración do PNV en Bilbo chamando a votar para fortalecer o autogoberno e Podemos ligou na súa convocatoria a reivindicación da data cos dereitos sociais. O acto de Navarra Suma (UPN, PP e Ciudadanos) só xuntou unhas ducias de asistentes. O Aberri Eguna organizado por EH Bildu en Iruña, contou coa intervención política de Rubén Cela en nome do Bloque Nacionalista Galego.

O coordinador da área de relacións internacionais do BNG defendeu ante milleiros de asistentes o dereito de autodeterminación de Galiza e de todos os pobos do mundo.

rube celaEsquerra Republicana de Catalunya tamén acudiu ao Aberri Eguna, afortalando así as tres organizacións a súa colaboración electoral de cara aos comicios europeos “como a aposta común en clave estratéxica polo dereito a decidir e contra a involución democrática”, afirman desde o BNG.

 Nese sentido, Cela salientou na súa intervención que as forzas políticas presentes no Aberri Eguna “naceron para liberar as súas respectivas nacións”, e cualificou os estatutos como unha camisa de forza. Enfatizou así que Galiza precisa recuperar voz propia en Madrid e mantela en Bruxelas.

Cela denunciou o fracaso do Estado español como pretendido estado uninacional, democrático e social

Afirmou, así mesmo, “o fracaso do Estado español como pretendido Estado uninacional, democrático e social”; que nega o dereito dos pobos a decidir libremente o seu futuro. Denunciou a monarquía e os privilexios que España dá á igrexa católica, “nun estado sen separación de poderes e onde a corrupción é sistémica”, aludindo tamén aos coñecidos casos de portas xiratorias.

Puxo de relevo Cela que neste contexto, a lingua galega, a catalá e a vasca son entendidas como unha ameaza que combater en vez dunha riqueza.

A ausencia de separación de poderes foi denunciada polo membro da executiva do BNG na súa intervención, e sinalou os tres anos de cárcere que solicitan para el e para as outras persoas que conforman as 19 de Meirás por reivindicaren a devolución ao pobo galego do pazo, que aínda continúa en mans dos Franco.

Nesa liña denunciou a existencia de presas e presos políticos e no exilio, “mentres a esquerda española ou fica muda ou nega que reclamar a liberdade dos pobos sexa progresista”.

Otegi chama a votar pola autodeterminación e a liberdade das e dos presos

Arnaldo Otegi, coordinador xeral de EH Bildu, chamou ao voto o vindeiro domingo para cumprir co obxectivo de acadar o independentismo de esquerdas un millón de votos en todo o Estado para reivindicar con máis forza o dereito de autodeterminación, a liberdade das e dos presos políticos e no exilio e para impulsar políticas sociais.

O PNV  reivindica o Estado vasco

O lehendakari Urkullu reivindicou “máis Estado vasco” desde a praza Nova de Bilbo, onde o PNV organizou a conmemoración do Aberri Eguna. Afirmou que Euskadi non quere involucións nin recentralización e puxo en valor a defensa do pobo vasco da “construción nacional e social de Euskadi”.

Na súa intervención en Bilbo chamou tamén ao voto polo PNV nunha campaña electoral “chea de demagoxia, medias verdades, intolerancia e acoso”, denunciou.

A coalición Navarra Suma, que une a Unión del Pueblo Navarro, PP e Ciudadanos, só reuniu unhas ducias de persoas no acto de Iruña. Javier Esparza, presidente de UPN, espetou a Otegi que “é español porque o pon no seu DNI”, ao que o propio Otegi respondeu con que o DNI tamén pon que ten data de caducidade.

Podemos reivindica os dereitos sociais

A organización morada en Euskadi celebrou o Aberri Eguna en Bilbo co lema Gure Eskubideen Jabe! (Os dereitos sociais constrúen país) precisamente, para facer visíbel a súa forma de “entender o país, dunha maneira aberta, inclusiva e plural”, xa que “falar de soberanía é falar de pensionistas, mocidade e traballo".

Comentarios