A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, organiza esta cuarta feira, 24 de maio, na Eurocámara unha conferencia sobre o impacto da industria eólica mariña na pesca. Baixo o lema 'Sobre eólica mariña: cara un novo fracaso ambiental?', neste relatorio pretenderase "dar voz a representantes do sector pesqueiro, que se xoga o seu futuro".
"Na Galiza o noso sector pesqueiro xógase a súa perviviencia e o seu futuro, mais tamén vemos como noutros territorios o seu impacto tamén é moi negativo e queremos analizalo en profundidade", salienta Miranda.
Neste encontro participarán o presidente da Federación Española de Confrarías de Pescadores e patrón maior de Burela, Basilio Otero; o portavoz da Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños, Torcuato Teixeira; o representante de CIG-Mar, Xavier Aboi; o presidente da Confraría da Guarda, Rubén Adrover; o presidente da Confradía de Cangas, Francisco Javier Costa, e mais a presidenta e a secretaria da Confraría de Cedeira, María Magdalena López e María Rodríguez, respectivamente.
Tamén contará o evento co representante dos sindicatos de pesca en Portugal, Nuno Filipe Moreira; o secretario técnico de Adega, Fins Eirexas, e os deputados do Bloque no Parlamento galego Ramón Fernández e Rosana Pérez.
"Queremos dar voz a representantes do sector pesqueiro afectados polo espolio ao que nos quere someter o lobby eléctrico, que pode afectar negativamente á actividade pesqueira e á biodiversidade mariña", xustificou Ana Miranda, ao tempo que denunciou a pretensión de instalar proxectos off shore "que destrúan a riqueza marítima galega".
Neste sentido, a eurodeputada nacionalista salientou tamén que a pesca é unha "actividade prioritaria para Galiza" e lembrou que a cadea mar-industria, que no país representa arredor de 4,8% do PIB, ten unha facturación aproximada de 12.000 millóns de euros, supón arredor de 64.000 postos de traballo directos e representa máis de 10% da capacidade pesqueira do conxunto da UE.