O BNG defende reducir o IVE a 4% para as actividades culturais

 Rego presentou emendas ao proxecto de lei pola que se aproban medidas económicas de apoio ao sector cultural nas que demanda ampliar o abano das e dos artistas ás que van destinadas e excluír a as touradas por non seren cultura. 
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.

Ante os efectos da crise causada polo coronavirus e perante "a precaria situación en que se atopan moitas e moitos creadores e artistas", o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentou emendas ao proxecto de lei pola que se aproban medidas de apoio ao sector cultural, instando o Goberno español a reducir o IVE a todas as actividades e bens culturais para que se aplique o tipo superreducido de 4%, sen ningunha limitación. Isto implicaría as entradas para arquivos e centros de documentación, museos, galerías de arte, pinacotecas, salas cinematográficas, teatros, circos, concertos, e demais espectáculos culturais en vivo.

Nese sentido, fronte á pretensión do Goberno de incluír as touradas entre as actividades subvencionadas, o BNG propón a súa exclusión partindo de que "a tortura nunca pode ser cultura".

Néstor Rego reclamou ademais ampliar o perfil das e dos artistas aos que van destinadas estas axudas económicas, pois entende que as creadoras e creadores culturais van máis aló dos espectáculos que se realizan en vivo. O nacionalista destacou que o proxecto de lei limita a uns poucos artistas o acceso a estas axudas económicas.

Doutra banda, a formación nacionalista ve necesario que se facilite o acceso ás liñas de crédito e financiamento, non só a empresas que buscan un beneficio económico, senón tamén entidades, asociacións ou cooperativas sen ánimo de lucro. “Na Galiza, moitos dos proxectos culturais son organizados por diversas asociacións sen ánimo de lucro. Por este motivo, o BNG considera necesario que estás entidades tamén se poidan beneficiar destas liñas de financiamento” destacou Rego.

Así mesmo, desde o Bloque piden especificar a duración da aplicación destas medidas de compensación e apostan por mantelas vixentes mentres duren as restricións para que desta maneira se poidan ter en conta posíbeis surtos que impidan a realización de actividades culturais que xa estaban organizadas previamente ou que se estivesen desenvolvendo nese momento. Rego explicou que “desta forma, poderíanse aplicar estas medidas a calquera actividade cultural que se teña que ver suspendida ou modificada por motivo da Covid-19”.

Modificación da lei de universidades

Na modificación da lei de universidades incluída polo Goberno español neste proxecto, o BNG exixe que o déficit creado pola eliminación das denominadas pinzas nos prezos públicos universitarios sexa compensado desde os Orzamentos Xerais do Estado para non impor esa carga ás comunidades autónomas, "especialmente tendo en conta que o sistema universitario galego estivo historicamente infrafinanciado".

A formación nacionalista aposta porque os prezos públicos "sexan accesíbeis para todas aquelas persoas que desexen estudar" pero denuncia que se pretenda reducir a recadación por esta vía sen achegar recursos por parte do Estado para seguir financiando a educación pública. 

Comentarios