O BNG critica que se antepoña a ideoloxía á saúde e insta a Moncloa a negociar con Rusa e China adquirir vacinas

Néstor Rego insta o Goberno español a mudar a súa estratexia "seguidista" da Unión Europea (UE) en materia de ensaios e adquisición das vacinas contra a Covid-19. 

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego (Imaxe: Europa Press)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego (Imaxe: Europa Press)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentou dúas iniciativas para instar o Goberno español a mudar a súa estratexia "seguidista" da Unión Europea (UE) en materia de ensaios e adquisición das vacinas contra a Covid-19. 

Así, o Bloque reclamou unha mudanza de estratexia e iniciar unha interlocución directa cos Gobernos de Rusia e da China, ou cos seus representantes autorizados, para poder probar e ou adquirir as súas vacinas fronte á Covid-19 e para realizar as xestións necesarias cos distintos laboratorios internacionais de cara á realización de encargos de ensaios de vacinas e especificamente, permitir ou facilitar a realización de probas das vacinas chinesas ou rusa no Estado español.

Ademais, Néstor Rego emprazou o Goberno español a incorporar á carteira de medicamentos todas as opcións de antivirais dispoñíbeis a nivel internacional que demostraran a súa eficacia na loita contra a Covid-19. Neste momento só está autorizado o Remdesivir, a pesar de que o Interferón cubano e o Avifavir ruso teñen sido utilizados con éxito noutros países.

No caso do Avifavir, ademais, resulta sensibelmente máis barato que o medicamento autorizado polo Goberno español, destacou o Bloque.

Rego criticou que son razóns políticas e xeoestratéxicas as que están detrás destas decisións do Goberno español, o que resulta "inxustificábel", dixo. “Por unha parte, están os intereses económicos de grandes laboratorios e incluso grandes fortunas mundiais e, por outra, decisións xeoestratéxicas dos Estados que converten esta carreira nunha nova guerra fría en que está en xogo o prestixio e a hexemonía mundial en materia de ciencia e investigación". O deputado nacionalista tamén cualificou de "irresponsabilidade histórica" que os países con máis recursos do planeta compitan en vez de cooperar para buscar unha solución a un problema global.

 “Non é admisíbel, nin política nin moralmente, que nun contexto como no que nos encontramos poidan pesar máis os prexuízos ideolóxicos ou os intereses económicos e ou xeoestratéxicos que a vida de decenas de miles de persoas”, sentenciou Rego.
Para o Bloque "o fundamental  é dispor dunha vacina eficaz, segura e que estea dispoñíbel canto antes. O país de procedencia é absolutamente secundario", remarcou o deputado galego.

Comentarios