O BNG aposta na investigación da 'Kitchen' no Congreso, que o PP rexeita

A proposta do PSOE de crear un grupo que estude o sucedido no marco desta trama política saíu adiante hoxe no Congreso. No entanto, o Partido Popular escudouse en que a ninguén lle importa o pasado e VOX abstívose de votar.
EuropaPress_3235915_ministro_interior_secretario_estado_seguridad_hemiciclo
photo_camera O ex ministro do Interior no Congreso, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, votou hoxe a favor de que se cree unha comisión para investigar a Operación Kitchen, que supostamente naceu no seo do Ministerio do Interior cando o titular era Jorge Fernández Díaz. A posíbel trama tiña a intención de espiar ao ex tesoureiro do PP, Luis Bárcenas, para recoller aquelas probas que tivera que puideran inculpar en casos de corrupción a cargos do Partido Popular.

Co apoio de partidos como o BNG, a negativa do PP e a abstención de VOX, a comisión saíu adiante. Mesmo Ciudadanos quixo que existan ese estudo da realidade detrás da Kitchen.

Unha vez acordada a conformación desta comisión, é preciso que se pacte quen a vai presidir e quen comporán a mesa que vai analizar os resultados. De feito, serán tamén as e os que se ocupen de citar a comparecentes.

Nunha primeira instancia, a meta é ter o traballo feito en tres meses para poder levalo a pleno e tomar decisións, se ben cabe a posibilidade de que o tempo se teña que ampliar.

O que hai que estudar e revisar é moito porque, como destacou o nacionalista Néstor Rego, hai que saber “que maldades tiveron que facer para salvar a Raxoi e ao Goberno do PP”. Desde a súa posición reprobou que a estratexia de hoxe do Partido Popular fora rexeitar o grupo porque “a ninguén lle interesa o que fixeron fai nove anos, malia que sexa roubar, espiar, chantaxear ou, incluso, pensar nun secuestro”.

Desde o BNG pensan que é “precisa unha ruptura democrática, esa que desgraciadamente non tivo lugar ao final da ditadura, para avanzar en democracia e dereitos”. Para iso, defende Rego, hai que ter unha etapa de “facer limpeza e sacar todo o lixo herdado e acumulado ao longo de 45 anos”

O lodo da rúa Xénova

Mentres o socialista Felipe Sicilia falaba da trama “corrupta para localizar e destruír calquera proba” que os comprometera, o nacionalista subliñou que “cunha xustiza realmente xusta, coa súa lei de partidos, o PP estaría hoxe ilegalizado”.

No PSOE a dúbida está en saber cantas accións poden verse afectadas pola investigación, polo que Sicilia recordoulle aos populares que “comecen a demostrar que non son unha trama”.

“Por máis que lles pese e por máis que griten, montaron a Kitchen para tapar dez anos de corrupción xeneralizada e institucionalizada e o lodazal no que converteran a rúa Xénova”, espetou o representante.

Unidas Podemos falou das “mazás podres”, mentres Ciudadanos advertiu ao PSOE que tamén ten o seu pasado. VOX, que se mantivo nunha posición neutra á hora de votar, reprochou ao socialismo que queira “arrastrar ao lodo e castigar no fígado ao PP”.


 

Comentarios