Bloqueada de forma temporal a orde migratoria de Trump

James Robart, xuíz federal da cidade de Seattle, ditaminou a pasada sexta feira unha orde que deixa sen efecto, de maneira temporal, o decreto de inmigración promulgado polo presidente dos EUA, Donald Trump. Así, a restrición da entrada de persoas procedentes de sete países de maioría musulmá –Iraqu, Iemen, Irán, Somalia, Sudán, Siria e Libia- deixa de ter efecto.

Donald Trump EUA

Primeira reacción da xustiza ao decreto de inmigración de Trump que restrinxe a entrada de persoas musulmás nos EUA. James Robart, xuíz federal da cidade de Seattle, vén de bloquear a medida anti migrantes, unha decisión que representa un enorme reto ao decreto adoptado polo presidente estadounidense.

A suspensión ten vigor até que Robart adopte unha decisión definitiva sobre a legalidade da orde presidencial ou até que unha instancia xudicial superior decida levantala.

Neste sentido, a Casa Branca comunicou a través do portavoz, Sean Spicer, que o Departamento de Xustiza dos EUA está a realizar os trámites para presentar de inmediato un aprazamento de emerxencia á orde de restrición temporal decretada polo xuíz federal de Seattle.

Desde o despacho oval cualificouse de “indignante” a suspensión temporal ditada polo xuíz e advertiuse de que a orde de Trump é “legal e apropiada”. “A orde do presidente ten a intención de protexer a patria e ten a autoridade constitucional e a responsabilidade de protexer o pobo estadounidense”, defendeu a Casa Branca.

Comentarios