O bipartito PP-PSOE impón no Congreso que só ''España'' ten dereito a decidir

Apoiaron a moción impulsada por UPyD que di que "baixo ningún concepto" unha parte da cidadanía pode votar sobre a organización territorial do Estado. 

rosadiez
photo_camera Rosa Díez, impulsora da moción contra o dereito a decidir [SG]


O dereito a decidir sobre a organización territorial de "España" corresponde só a "España" e "baixo ningún concepto" unha minoría da cidadanía --neste caso o pobo catalán-- poderá votar sobre o futuro do Estado español. É isto o que proclama a moción que UPyD presentou no Congreso d@s deputad@s e que foi aprobada cos únicos votos de PP e PSOE, para alén dos da formación de Rosa Díez. 

A votación volveu evidenciar a fenda entre o PSC e o PSOE, pois @s 14 membros do primeiro racharon a disciplina de voto e abstivéronse. O mesmo xa acontecera en febreiro, cando o PSC apoiou senllas mocións de CiU e IU-ICV en prol da consulta soberanista en Catalunya e tiveron que facer fronte a unha sanción de 600€, a máxima contemplada para estes casos. O PSOE votara en contra.

Desta volta, Rosa Díez explicou na súa quenda de intervención que a moción interposta polo seu partido era "necesaria" para "deixar as cousas claras" perante a "falacia" da consulta independentista que reclama o pobo de Catalunya. O PSOE, que cualificou a iniciativa de "oportunista", explicou que non podía rexeitala, malia a todo, porque o texto achegado "reafirma a Constitución española".

Comentarios