Bieito Rubido, ex da Voz, e director de ABC, di que Madina simpatiza máis con ETA que co PP

O director do ABC e antes de La Voz de Galicia, Bieito Rubido, afirmou que o socialista Eduardo Madina “simpatiza máis con ETA que co PP”. Eduardo Madina foi vítima dun atentado de ETA e é un dos posíbeis candidatos a suceder a Rubalcaba no liderato do PSOE. Os socialistas anuncian unha querela se Rubido non retira as súas palabras.
 
Bieito Rubido

 

A noticia de que Eduardo Madina podería candidatarse nunhas primarias á secretaría xeral do PSOE provocou unhas insólitas declaracións do xornalista Bieito Rubido. O director de ABC, nunha súa intervención no programa “La Mañana” da Cope, a emisora da Igrexa católica, afirmou que o socialista vasco “simpatiza máis co que representa ETA que o que representa o Partido Popular, como un partido que en democracia ten que ser unha alternativa”. Madina sofriu no ano 2002 un atentado de ETA ao estoupar unha bomba colocada nos baixos seu coche. 

 
O calibre da afirmación de Rubido puxo en alerta ao presentador do programa, Ernesto Sáenz de Buruaga. “Pensaches o que dixeches?”, perguntoulle. Rubido contestou reafirmándose na súa acusación: “Si, si, ademais xa o dixen moitas veces”.  “Medina tenlle odio guerracivilesco ao PP” engadiu. 
 
Eduardo Madina, de 37 anos, é deputado do PSOE desde o 2004 e unha das opcións que se barallan para substituír Rubalcaba á fronte do partido. Nos últimos días a posibilidade de que concorra a unhas primarias cobra cada vez máis forza. 

Comentarios