xoves 09.07.2020

Biden vs. Sanders, obxectivo: 1.991

Joe Biden foi o gran triunfador do Supertuesday, a xornada de primarias no Partido Demócrata que se desenvolveu na terza feira en 14 Estados dos EUA e na Samoa Americana, mais Bernie Sanders resistiu vencendo en California.

Partidarios de Joe Biden e de Bernie Sanders durante o 'Supertuesday' (Contacto)
Partidarios de Joe Biden e de Bernie Sanders durante o 'Supertuesday' (Contacto)

Os dous varóns, os dous brancos, os dous perto de faceren os 80 anos. Joe Biden, o candidato do aparato, e Bernie Sanders, o candidato independente, pasaron a peneira do Supertuesday e disputaranse tête à tête o posto de aspirante do Partido Demócrata á Casa Branca no esprinte final que resta nestes meses de aquí á Convención Nacional de xullo.

O rexurdimento de Biden, vicepresidente de Barack Obama durante os seus oito anos de mandato (2009-2017), recorda ao de Bill Clinton de 1992 ("The Comeback Kid", autodenominouse, nun memorábel proceso de primarias relatado no libro e posterior filme Primay Colors).

O aparato do partido, o chamado establishment demócrata, respira despois do éxito do seu candidato, que se impuxo na maioría dos 15 territorios.

Hai menos dunha semana, as opcións de Joe Biden comezaban a esvaecerse, mais a vitoria do sábado nas primarias en Carolina do Sur, impulsada polo apoio da comunidade negra, deulle cheda suficiente para poder chegar con posibilidades de competir neste Supertuesday

Unha comunidade negra que volveu ser decisiva nesta crucial xornada, con 40% de delegados en xogo, dándolle a vitoria nos Estados sureños de Carolina do Norte, Tennesse e Alabama

Parada final para Warren

En Virxinia, ademais, Biden gañou en contra das enquisas, ao igual que en Texas, o segundo Estado con máis delegados en xogo. Tamén venceu inesperadamente en Massachusetts, onde se esperaba o triunfo da candidata por este Estado, Elizabeth Warren. O terceiro posto foi un golpe definitivo para descarrilala da carreira.

Jared D. Larson, doutor en Ciencias Políticas pola Universidade de Delaware e profesor asociado na Universidade de Humboldt (California), explica que o reparto dos delegados "é proporcional", ao contrario do que acontece na eleccións presidenciais, onde gaña o Estado a persoa que máis votos ten. As candidaturas que non chegan a 15% do total do Estado desbótanse.

comentarios