Biden, en mellor posición que Clinton en 2016 para gañar as eleccións nos EUA

A só seis días das eleccións presidenciais nos EUA, o candidato demócrata, Biden, mantén nas enquisas a nivel nacional unha importante vantaxe sobre o republicano, Trump. E a pesar de que a igualdade en varios Estados non permite dar un gañador seguro, a tendencia é favorábel para o primeiro en comparación co que  pasou hai catro anos.
EuropaPress_3394746_24_october_2020_us_dallas_supporter_of_us_president_trump_wears
photo_camera Unha simpatizante de Donald Trump, en Dallas (Texas), o pasado sábado (Aimee Dilger / SOPA Images)

O candidato á Presidencia dos EUA polo Partido Demócrata mantén unha vantaxe considerábel nas enquisas de cara ás eleccións da próxima terza feira, 3 de novembro, sobre o seu rival do Partido Republicano e actual presidente do país, Donald Trump. E, sobre todo, unha vantaxe estábel. Porque tamén Hillary Clinton adiantaba nas enquisas a Trump de cara aos comicios de hai catro anos, mais a demócrata caeu en picado na semana previa ao día da votación.

Recollen este dato Harry Enten, analista da canle de televisión estadounidense CNN e o xornal especializado The Hill. "Estamos a rexistrar menos volatilidade no electorado que hai catro anos na mesma altura, cando se viu que a distancia entre os candidatos se estaba a fechar. Iso non está a pasar desta volta", sinalou a este periódico Patrick Murray, director do Instituto de Enquisas da Universidade de Monmouth, un dos centros de referencia a respecto das sondaxes electorais.

En xullo de 2016, o daquela director do FBI, James Comey, anunciou a fin da investigación dun ano de duración sobre o uso por parte de Clinton dun servidor de correo electrónico privado na casa dela para comunicacións públicas oficiais. O caso foi un tema candente da campaña e ameazaba as opcións da demócrata. Porén, resultou absolta. 

Os republicanos acusaron a Comey ─designado en 2013 polo presidente Barack Obama─ de actuar en beneficio dos intereses do Partido Demócrata, e a finais de outubro ─a menos de dúas semanas para o día da votación─ Comey anunciou que o FBI reabrira a investigación e que Clinton estaba de novo baixo sospeita. Resultado: a demócrata caeu estrepitosamente nas enquisas e Trump acabou gañando as eleccións do 8 de novembro.

Mais desta volta, malia as tentativas de Trump no último debate de involucrar o fillo de Biden en negocios escuros en Rusia e a Ucraína, non hai sobre a mesa ningún escándalo da magnitude do de 2016. Ademais, segundo apunta Harry Enten, alén da vantaxe a nivel nacional de entre nove e dez puntos de Biden sobre Trump (e con máis de 50% do voto para o primeiro), hai outros datos máis relevantes nas enquisas para facer un prognóstico.

Por exemplo, a sondaxe realizada por Ipsos para ABC News ao termo do último debate entre os candidatos e publicada o pasado domingo mostraba que no epígrafe sobre querenza por cada un dos dous, Trump rexistraba -22 puntos e Biden +1. 

A mala nota do presidente foi recorrente durante todo o seu mandato, e tamén o era de cara aos comicios de 2016. A diferenza desta volta é a aceptación de Biden, en contraste coa antipatía que espertaba Clinton, nomeadamente no mes previo ás eleccións, e especialmente na derradeira semana antes da votación.

Explícao Enten: "Para lograr unha vitoria en 2016, Clinton debía gañar o voto dos electores que non tiñan simpatía nin por Trump nin por ela. Clinton acabou perdendo ese 18% do electorado que non contaba cunha visión favorábel nin de Trump nin dela por 17 puntos. Hoxe, Biden non necesita nada disto. Todo o que precisa é gañar o voto dos electores que xa gostan del".

Estados "bisagra"

En todo caso, no Partido Demócrata non se fían. Manifestouno Obama claramente a semana pasada durante un mitin en Filadelfia: "Non podemos ser compracentes. Non me importan as enquisas. Houbo unha morea a última vez. Non funcionou", afirmou, e deu o que ao seu ver foi o motivo: "Porque unha gran cantidade de persoas ficaron na casa; e deulles preguiza e foron compracentes. Non nestas eleccións. Non desta volta".

Filadelfia é a maior cidade do Estado de Pensilvania, un dos considerados chave para o resultado final. Porque, como xa saben Hillary Clinton ou Al Gore, gañar o voto popular non significa nada. Hai que sumar 270 dos 538 votos electorais, que se dan con base na poboación de cada Estado. 

Entre estes dos chamados "bisagra", onde como Pensilvania poderían decantarse dun ou doutro lado, están Wisconsin ou Michigan. As últimas enquisas elaboradas pola Universidade de Wisconsin-Madison, apuntan a que Biden aumentou a vantaxe sobre Trump nos tres.  E en Ohio, onde en 2016 Trump gañou folgadamente, Biden está a recortar distancias e podería dar a sorpresa o 3 de novembro, segundo os últimos datos da Universidade Quinnipiac.

Outros campos de batalla son Florida: Biden, 50%, Trump 48% (hai un mes, era 48-46 para Biden). Xeorxia: empate a 49% (hai un mes, 47-46 para Trump. E Carolina do Norte: Biden, 51%; Trump, 47% (hai un mes, 48-46 para Biden). Os datos son tirados da enquisa de YouGov para CBS News, e as análises electorais coinciden en sinalar que para Donald Trump recuncar como presidente, debe gañar si ou si en todos estes tres últimos Estados.

O Tribunal Supremo, máis conservador

Non houbo sorpresas e o Senado confirmou a xuíza Amy Coney Barrett como novo membro do Tribunal Supremo, asegurando así unha maioría conservadora (6-3), que desde o Partido Demócrata temen poida pór en risco leis como o 'Obamacare' e supoña o retroceso tamén noutras cuestións de dereitos sociais.

A votación que se produciu na segunda feira (madrugada de onte na Galiza) saldouse con 52 votos a favor e 48 en contra, e confirmou a entrada de Barrett menos de 40 días despois do falecemento da maxistrada progresista Ruth Bader Ginsburg.

Biden cualificou de "abuso de poder" a designación, dado que se esperaba para despois das presidenciais. E lembrou que no último ano de Obama, 2016, os republicanos bloquearon no Senado a proposta demócrata ao Supremo por ser ano electoral.

Comentarios