luns 01/03/21

Biden mantén polo momento o liderado nas enquisas malia o positivo de Trump

Unha ampla maioría das persoas consultadas censura a "irresponsabilidade" do presidente durante estes días en que lle foi diagnosticado o contaxio por coronavirus.
EuropaPress_3359343_presidente_estados_unidos_donald_trump (1) (1)
Donald Trump quitou a máscara que protexe ante o contaxio por coronavirus axiña chegou á Casa Branca procedente do hospital (Ken Cedeno / Zuma Press)

O contaxio con coronavirus de Donald Trump axudaralle a gañar as eleccións, xa que se converterá nunha "metáfora da recuperación do país", porque "tendo en conta a súa resiliencia", o máis probábel é que "o presidente e a primeira dama teñan unha rápida e potente recuperación". Son palabras de Steve Hilton, comentarista de Fox News, canle de televisión conservadora dos Estados Unidos. Unha opinión que se vén repetindo nos medios de dereitas do país norteamericano nos últimos días.

O presidente estadounidense está de volta na Casa Branca, desde onde pediu á cidadanía que "non tema" ao coronavirus. Ademais, salientou que despois de pasar tres noites ingresado no hospital militar Walter Reed, logo do seu positivo en Covid, séntese mellor "que hai 20 anos". Ao pouco de aterrar na residencia presidencial, o primeiro que fixo foi quitar a máscara.

"Somos o mellor país do mundo. Volveremos; volveremos ao traballo, volveremos á fronte e o voso líder é o que fará. Sei tamén que é perigoso, mais é a miña obriga. Ninguén que sexa un líder deixaría de facer o que eu fixen. Sei que é un risco, que é perigoso, mais non pasa nada", dixo Trump, quen tamén insinuou que "quizais" sexa inmune.

Horas antes xa reiniciara a súa habitual actividade nas redes sociais, anunciando que volvería "axiña" á campaña electoral de cara ás presidenciais do 3 de novembro. "As noticias falsas só mostran as enquisas falsas", escribiu na conta de Twitter.

Biden continúa en cabeza

Enquisas que cada vez dan como máis improbábel a reelección de Trump. Non só pola vantaxe a nivel nacional, senón porque cada vez máis os votantes se decantan polo candidato do Partido Demócrata, Joe Biden, nos chamados "Estados bisagra", Estados onde habitualmente non hai un apoio claro a unha ou outra das dúas formacións maioritarias.

Segundo unha sondaxe de Reuters/Ipsos publicada o domingo e elaborada entre a sexta feira e o sábado, Biden avantaxaría a Trump en dez puntos porcentuais (51%-41%), un máis que na enquisa difundida o 30 de setembro. Das persoas consultadas, 59% cre que o segundo debate electoral previsto para o 15 de outubro debería ser adiado até a recuperación total de Trump. Ademais, 57% censuran a xestión da epidemia por parte do presidente.

Noutra mostraxe, elaborada para NBC News e Wall Street Journal antes de Trump caer enfermo, a vantaxe de Biden era de 14 puntos, seis máis que na inmediatamente anterior publicada por estes dous medios o pasado 20 de setembro. 

E unha enquisa publicada onte pola CNN mostra que dous terzos da cidadanía estadounidense consideran que Donald Trump se comportou con irresponsabilidade á hora de evitar que as persoas ao seu redor se puidesen contaxiar. Tamén, 69% di ter pouca confianza na información da Casa Branca sobre a saúde do presidente; 60% censura a xestión de Trump da crise sanitaria, e 63% cre que nada vai cambiar malia el mesmo contaxiarse.

Tamén, un inquérito de Morning Consult para Politico recolle que 55% dos votantes non se fían do que di o Goberno sobre a saúde del. E, case a metade afirman estar agora máis preocupados pola economía, porcentaxe que é maioría entre os republicanos.

O accidente mortal de Kobe Bryant, máis relevante que o contaxio de Trump

A enquisa de Morning Consult para Politico analiza outras cuestións que poñen en contexto a importancia do positivo en coronavirus do presidente estadounidense, Donald Trump, e que tamén poden ter unha lectura en chave política de cara aos comicios do 3 de novembro.

Así, por exemplo, as persoas consultadas consideran que a enfermidade do mandatario é unha das principais noticias do ano, aínda que a colocan por detrás doutras como a designación oficial do surto da Covid-19 como pandemia; o pasamento da xuíza decana do Tribunal Supremo, Ruth Bader Ginsburg; a morte baixo custodia policial do cidadán negro George Floyd; ou o accidente de helicóptero en que o baloncestista ex xogador de Los Angeles Lakers Kobe Bryant e a filla del, así como outras sete persoas, perderon a vida.

comentarios