Biden carga contra Putin tras un informe sobre "inxerencia" rusa nas presidenciais

A Intelixencia estadounidense desbota interferencias por parte da China, tal e como denunciara en varias ocasións o ex presidente Donald Trump.
EuropaPress_2238675_handout_14_june_2019_japan_osaka_us_president_donald_trump_and_russian (1)
photo_camera Putin e Trump, na xuntanza do G-20 de 2019 en Osaka, Xapón. (Foto: dpa)

O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, cualificou o seu homólogo ruso, Vladimir Putin, de ser un "asasino" e asegurou que "pagará o prezo" de "interferir" nas eleccións presidenciais de novembro. Nunha entrevista coa cadea de televisión ABC, o mandatario advertiu dunha posíbel "resposta": "Pagará un prezo", dixo.

Afirmou que tiveran "unha longa conversa" en xaneiro. "Coñézoo relativamente ben. A conversa comezou con algo así como: eu coñézote e ti a min. Se podemos demostrar que isto ocorreu, prepárate", aseverou.

Ao ser preguntado sobre se Putin é un "asasino", Biden, que dixo crer que "non ten alma", asentiu: "si, créoo". Porén, non desbotou seguir traballando conxuntamente en áreas de "interese mutuo".

As súas palabras chegan tras a publicación dun informe da Intelixencia estadounidense sinalando que Rusia e outros países trataron de influír no proceso electoral. No caso de Moscova, as autoridades rusas trataron de "socavar" a credibilidade do sistema a favor de Donald Trump denigrando o propio Biden.

O informe de 15 páxinas sustenta ás acusacións de vello sobre o papel de homes de confianza do ex presidente Trump na suposta inxerencia nos comicios do 3 de novembro de 2020, que partiría de importantes figuras políticas pro rusas na Ucraína; e do propio Putin, de maneira activa ou con coñecemento de causa.  

Concretamente, incídese na vinculación entre o presidente ruso e o parlamentario ucraíno Andriy Derkach, que prestou a súa axuda a políticos estadounidenses na campaña de aldraxe de Joe Biden e do fillo del Hunter. Campaña pola que Trump tivo que responder ao seu primeiro impeachment. Derkach reuniuse entre outros con Rudy Giuliani,  avogado de Trump, en 2019. 

Segundo medios estadounidenses, agárdanse sancións de Washington a Moscova a partir da vindeira semana.

Pola súa banda, o Kremlin enmarcou o informe dentro dunha campaña de "desinformación", e confirmou que chamara a consultas o seu embaixador en Washington, Anatoli Antonov para "analizar como e cara a onde se debe avanzar nas relacións cos EUA".

Cuba e Venezuela

O informe tamén conclúe que houbo unha campaña en "diferentes frontes" por parte do Irán, neste caso para impedir a reelección de Trump, que impuxo sancións contra o país persa. Tamén, constata a suposta participación ─en menor medida que o iraniano─ dos Gobernos de Cuba e de Venezuela e tamén de Hezbolá.

Desbota, en todo caso, a participación da China, tal e como denunciara varias veces Trump.

Comentarios