Berta Cáceres foi asasinada por orde da hidroeléctrica á que se opoñía

O informe do Grupo internacional de persoas expertas (Gaipe) indica que o asasinato desta activista hondureña foi “produto dun plan estruturado polos directivos de Desa, quen involucraron empregados da empresa en accións de seguimento” e en alianza coas forzas de seguridade. 

honduras berta cáceres
photo_camera Berta Cáceres

Berta Cáceres foi asasinada o 3 de marzo de 2016 na súa casa, en La Esperanza (Honduras), por orde de executivos da empresa á que esta activista se opoñía. A presentación dun informe do Grupo internacional de persoas expertas (Gaipe) responsabiliza altos directivos de Desarrollos Energéticos SA (Desa) do crime, que tivo un gran impacto, non só en Lationamérica.

Berta Zúñiga Cáceres, unha das fillas da asasinada, xa indicou que para a súa familia esta conclusión “non é unha sorpresa”. Lembra que para eles a principal sospeitosa era a empresa e insistiron desde o primeiro momento en que se investigase nesa dirección. O informe, dixo, revela “unha evidencia tan clara que mostra a participación de cada un e describe o modus operandi de directivos da empresa” en complicidade con “funcionarios do Estado”.

Berta Cáceres era coordinadora xeral do Consello Cívico de Organizacións populares e indíxenas de Honduras (Copinh). A única testemuña do seu asasinato foi o ambientalista mexicano Gustavo Castro, quen ese día estaba na casa e que resultou ferido polos disparos.

O documento ( "Represa de Violencia: O plan que asesinou Berta Cáceres"), ,mantén que o asasinato foi produto “dun plan estruturado polos altos directivos de Desa, quen involucraron empregados da empresa en accións de seguimento e vixilancia” de Cácares e outros integrantes de Copinh. Estes empregados actuaron “en alianza con forzas de seguridade do Estado e estruturas paralelas ás forzas de seguridade do estado de Honduras”.