BDS acusa Feijóo de lexitimar as políticas xenocidas de Israel

A rede internacional Boicot, Desivestimento e Sancións (BDS) vén de emitir un comunicado conxunto co colectivo Mar de Lumes en que acusan a Alberto Núñez Feijóo de lexitimar as políticas de limpeza étnica e xenocidas de Israel contra o pobo palestino. O presidente da Xunta iniciou unha visita ao país de Oriente Medio o pasado 30 de xaneiro.
 

Feijóo en ISrael
photo_camera Feijóo durante a súa visita a Israel. Foto: Xunta.

Segundo asegurou o Goberno galego, a de Feijóo era unha “misión comercial”. Desde BDS sosteñen que o presidente vai a Israel “apesar de saber que con eses vínculos colabora a afianzar as políticas de limpeza étnica e xenocidas practicadas polo Estado sionista contra o pobo palestino”.

Ademais, lembran as dúas agrupacións que asinan o comunicado, Israel entremeteuse na política galega cando, en 2014, o seu embaixador en Madrid remitiu unha carta ao Parlamento de Galiza en que tildaba a institución de “extremista”. “Únese aos máis extremistas inimigos de Israel”, dicía. A Cámara galega apenas aprobara unha declaración institucional en a prol de respectar os dereitos humanos en Palestina.

Israel vén incumprindo sistematicamente as resolucións de Nacións Unidas a respecto da súa presenza en territorios palestinos. Segundo BDS e Mar de Lumes, é “un Estado fóra da lei”. Os dous colectivos non dubidan en cualificar as actuacións de Israel de “apartheid, limpeza étnica e xenocidio”.

Comentarios