Baviera castiga democracia cristiana e socialdemócratas

CSU baviera alemaña imaxe de @CSU
photo_camera Imaxe: @CSU

Baviera, o land alemán do que tanta gostaba Manuel Fraga como espello da Galiza que quería facer, vén de retirar a maioría a CSU, o partido democristiano -irmán da CDU de Merkel-que levaba décadas gobernando con comodidade neste territorio. Desde 1962 CSU só perdera unha vez a maioría absoluta, en 2008. Os democristianos mantéñense como a forza máis votada, con 37% dos votos, dez puntos menos que nos comicios de 2013.

Unha caída da que sacan tallada Os Verdes, que se converten na segunda forza no land, ao obter 18% dos apoios nas urnas (10 puntos máis que hai 5 anos). Hai tempo que Os Verdes deixaron de ser aqueles Verdes (Die Grünen) que a inicios dos 80 modificaron o mapa político alemán, cun discurso de esquerda alternativa, ecoloxista e con arrecendos libertarios. A líder dos Verdes en Baviera xa anunciou na noite electoral a disposición a dialogar coa CSU para un goberno. Unha proposta acorde coa práctica política da formación nestes anos, nos que ten gobernado en coligazóns verde-negras (coa CSU, como en Baden-Württemberg) ou verde-vermellas (co SPD).

Os socialdemócratas (SPD) levan un pao dos bos. Perden máis da metade dos votos e caen até o quinto poso, superados non só polos Verdes senón tamén pola ultradereita (AfD) e a plataforma ‘Electores Libres’. O SPD obtén menos de 10% dos sufraxios (9,6%) cando en 2013 lograra case 21%. Voces dentro do partido sinalan a aposta na ‘Gran Coligazón’ coa CDU en Alemaña como responsábel destes resultados que cualifican de “pésimos”.

‘Electores libres’ é unha formación bávara e conservadora, composta en boa medida por escindidos da CSU mais non só. Logrou 11,7% do voto e logra manterse como terceira forza en Baviera. Hai catro anos atinxira 9% dos apoios.

A dereita dura e xenófoba da AfD logrou 10,6%, entrando na Cámara de Baviera, un escenario que os medios vaticinaban desde hai tempo da man da auxe deste formación en diferentes territorios alemáns. Xa están presentes en 15 dos 17 parlamentos rexionais alemáns.

Os liberais da FDP, outrora con peso na política alemá, fican en 5% dos apoios, o mínimo exixíbel para entrar no Parlamento. Quen non acadou esta porcentaxe foron Die Linke (3%) ou o Partido Independentista de Baviera, polo que fican fóra do hemiciclo.

O 28 deste mes hai cita coas urnas no estado de Hesse, un estado crucial para a CDU. O partido de Merkel agarda recuncar e volver gañar mais non está nada claro ese escenario, segundo as enquisas e sondaxes.

Comentarios