Bankia é a oitava entidade financeira en ser rescatada polo Estado

O goberno nacionaliza Bankia, a cuarta entidade do Estado español, con máis de 10 millóns de clientes e 340.000 millóns en activos

A nacionalización de Bankia é cuestión de horas, ou como moito, días. Así o confirman círculos económicos, financeiros e do goberno central, dando por feito que a entidade pasará a ser controlada polo Estado. O Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) destinou unha axuda de 4.465 millóns de euros a Bankia. Esta cantidade pasará, na operación de rescate, a ser convertida en accións, o que dará ao FROB o 56% de Bankia. De se formalizar finalmente esta nacionalización parcial, xa serían oito as entidades financeiras que tiveron que ser rescatadas polo Estado, entre elas Novagalicia Banco. A decisión de nacionalización parcial tomaríase a petición do novo presidente de Bankia José Ignacio Goirigolzarri, quen xa asumiu o cargo.

O presidente do Goberno, Mariano Rajoy, asegurou que "non quere adiantar acontecementos" mentres que lanzaba unha mensaxe de tranquilidade ás e aos clientes de Bankia. O PSOE, pola súa parte, xa sinalou que non se opón á intervención-

Jorquera: "A nacionalización de Bankia será temporal para logo vendela a prezo de saldo"

 O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, afirmou en relación ás informacións que indican que o Goberno de Rajoy vai anunciar a nacionalización de Bankia, que “será unha nacionalización parcial e temporal para despois vendela a prezo de saldo e privatizala”.

Jorquera considera que as nacionalizacións non poden consistir en “meter diñeiro público nun banco privado de maneira temporal, para que unha vez saneada a entidade proceder a privatizala de novo”. Sostén o deputado do BNG que o que “precisamos é unha banca pública de verdade”.

E puntualizou que “non precisamos nacionalizacións ao estilo INI, rescatando empresas privadas con recursos públicos para logo poñelas á venda a prezos de saldo”. Reiterou a proposta do BNG presentada esta semana para que se constitúa unha banca pública.

comentarios