A bandeira cubana volve ondear en Washington

A illa e os EUA reabren as súas embaixadas após a ruptura das relacións diplomáticas polo goberno de Eisenhower en 1961.

Ismael Francisco _ Cubadebate
photo_camera Embaixada de Cuba en Washington [Ismael Francisco/Cubadebate]

Esta segunda feira (20 de xullo) o goberno dos EUA e de Cuba marcarán de maneira simbólica o fechamento da primeira rolda de negociacións após iniciaren o seu desxeo a finais de 2014. 

Neste senso, ambos os dous países re-abren hoxe as súas embaixadas a comezar pola cubana na capital estadounidense, Washington. Nunha cerimonia oficial que congregará arredor de 700 persoas, entre convidad@s e imprensa, a bandeira de Cuba ondeará no número 2630 da Rúa 16, no bairro Adams Morgan. 

Un fito histórico após 54 anos da ruptura unilateral das relacións diplomáticas por parte do daquela presidente dos EUA, Dwight Eisenhower. Ao que seguiría a imposición do bloqueo comercial, económico e financeiro por J.F Kennedy. 

A persoa encargada de abrir oficialmente a embaixada será o ministro de Relacións Exteriores da illa, Bruno Rodríguez. Pola súa banda, o goberno de Obama tamén prepara unha acto embora non fixar aínda a data para a abertura da súa embaixada na Habana. 

Após, Cuba e os EUA iniciarán a segunda rolda de negociacións que se prolongará máis no tempo debido á magnitude dos asuntos a tratar, de índole principalmente económica. Até o momento, foron cuestións políticas --de grande simbolismo-- as que marcaron o desxeo das relacións entre a illa e Washington, entre elas a posta en liberdade dos 5 cubanos prisioneiros en Miami. 

Comentarios