Ban Ki-moon apela á diplomacia perante as ameazas de bombardear Siria

O secretario xeral das Nacións Unidas pediu dar "unha oportunidade á paz" e "á diplomacia" ao tempo que exixiu deixar traballar @s investigador@s da ONU. Siria entregou ás Nacións Unidas probas que demostrarían a vinculación dos rebeldes no ataque químico da pasada semana

"Deamos unha oportunidade á paz, deamos unha oportunidade á diplomacia" demandou Ban Ki-moon desde a Haia. Perante as ameazas lanzadas polos EUA que advirten dun inminente ataque a Siria e que mesmo exixiron a retirada da delegación enviada polas Nacións Unidas ao país.

Os EUA demandaron á ONU a retirada d@s inspector@s que investigan en Siria o ataque con armas químicas

Fronte as declaracións da administración Obama Ban Ki-Moon pediu que se deixe traballar @s inspector@s e condenou o uso de armas químicas "en calquera circunstancia" ao considerar unha "violación atroz da lei internacional".

Os EUA --que xa despregaron buques militares ás costas de Chipre-- estarían a deseñar unha inminente intervención militar segundo recollen diversos medios de comunicación estadounidenses. O Reino Unido e Franza sumáronse nos últimos días ás pretensións intervencionistas ianquis e aseguraron --a través dos seus mandatarios-- que valoran a súa participación na ofensiva. 

O viceministro de Asuntos Exteriores sirio asegurou que o goberno de Al-Assad entregou á ONU "todas as probas" que demostrarían a participación dos rebeldes no ataque químico

A Cámara dos Comúns británica debate esta cuarta feira a proposta de David Cameron a respeito de Siria. Aliás o primeiro ministro inglés anunciou que levará unha resolución á ONU para abordar unha posíbel ofensiva militar no país. Pola súa banda, François Hollande asegurou que o seu goberno incrementará a axuda militare económica fornecida aos grupos rebeldes.

O vice-ministro sirio de Asuntos Exteriores asegurou nunha declaración de imprensa que o goberno de Bashar Al-Assad vén deentregar á ONU "todas as probas" que demostrarían a vinculación dos grupos opositores no ataque químico da pasada semana.

Faisal Miqdad acusou aos EUA, Reino Unido e Franza de axudar "aos terroristas" a empregar armas químicas e asegurou que o goberno sirio "nunca" as usou.

Comentarios