UNHA MALIENSE EN BRUXELAS

De Bamako a Bruxelas, a mesma crise

Nesta semana que pasou o mundo moveuse entre París, Bruxelas e Malí. E aí, en Bruxelas, encontramos Fatoumata Sidibé, unha maliense que mora en Bruxelas, escritora, política, pintora, activista do feminismo e do laicismo. Con ela falou Marcus Boni Teiga, do Courrier des Áfriques. Traducimos a conversa e descubrimos o perfil dunha deputada no Parlamento rexional de Bruxelas, comprometida con todos os combates cidadáns.

Fatoumata Sidibé
photo_camera Fatoumata Sidibé


Belga, orixinaria de Malí, Fatoumata Sidibé afirma sentirse enriquecida con esa pluralidade de identidades. O entrevistador acode ao encontro cunha muller que, di, ten a coraxe de apostar en todas as partidas e a vontade de gañar todas as apostas. A entrevista foi realizada hai uns meses mais cobra nova actualidade. 

Fatoumata Sidibe é a única muller negra deputada no parlamento de Bruxelas mais tamén unha excelente artista. Como te presentarías aos leitores de Courrier des Áfriques? 

Eu son unha muller plural. Son escritora, activista feminista e laica, política e artista. Son deputada do Parlamento Rexional de Bruxelas desde xuño de 2009, mais tamén son pintora, como xa dixeches, e escritora. Publiquei a miña primeira novela en 2006 en Editions Presence en París, Une saison africaine. O libro está case esgotado. En 2014 publiquei nas Editions Saran, un libro de arte / poesía: Les masques parlent aussi  ...  Presento as miñas pinturas acompañadas por poemas. O libro xa está dispoñible nas librarías Tropismes e Filigranes en Bruxelas. 

Mais debo dicir que antes de todo isto, eu son a túa curmá, pois son licenciada en comunicación social e xornalismo na Universidade Católica de Lovaina (UCL). Como xornalista freelance, traballei en moitas revistas belgas e estranxeiras. De 1994 a 2012, fun correspondente especial en Bélxica da revista mensal francesa Amina, para as mulleres de África, do Caribe e da Diáspora. Tamén traballei no campo da comunicación, publicación, relacións públicas, cooperación para o desenvolvemento social. 

Díganos, como chegou á política? 

Eu vivo en Bélxica desde 1980. Diría que cheguei á política por casualidade, se realmente a casualidade  existe. Teño militado e traballado moito en movementos asociativos. De 2002 a 2009, fun responsábel  de proxecto do Centro Rexional do Libre exame Bruxelas, onde, ademais de organizar seminarios e conferencias, levei estudos e publicacións sobre o tema das mulleres de inmigrantes. Tamén colaborei en obras colectivas sobre cuestións sociais. En 2005,  cofundei o Comité belga Nin putas nin submisas (Valónia-Bruxelas) que presidín até febreiro de 2009. Lancei e coordinei a publicación da Guía belga do respecto, unha ferramenta práctica para "construír vivindo xuntos, nenas e nenos, iguais en dereitos e deberes" e Kit du Respect,  unha ferramenta de animación pedagóxica para estruturas educativas e asociativas. 

Todas estas accións, probablemente, fixeron que se fixase en min o FDF que se aproximou de min para me ofrecer ir na súa lista nas eleccións parlamentarias en 2007. Pero, na época, eu non estaba preparada e rexeitei a oferta. Un ano e medio máis tarde, xa decidida, foi con naturalidade que entrei en contacto cos Federalistas Demócratas Francófonos (FDF) para defender con eles os meus ideais de xustiza social, de laicidade, igualdade, diversidade e dereitos humanos. Fun eleita nas eleccións rexionais de xuño de 2009 na lista de FDF. Candidata suplente nas últimas eleccións, de maio de 2014, eu retomo o meu mandato tras a entrada da FDF no goberno. Durante a última lexislatura, fun presidenta da Comisión de Asuntos Sociais Francófonos do Parlamento de Bruxelas. Actualmente son a presidenta da Asociación de mulleres FDF. 

Podería falar un pouco sobre a súa carreira artística? 

A pintura é algo que eu descubrín tarde, digamos, en 2002. Desde aquela dedícome a ela,  no meu tempo libre, con toda a enerxía, cada vez que me debruzo sobre un traballo. Confeso que iso tamén me permite rexenerarme, dalgunha forma, a través das máscaras que eu pinto e que me ligan tamén ás miñas raíces africanas, especialmente ás malienses. Como me gusta dicir: "Eu sinto necesidade desta lufada de ar fresco, este vento de liberdade. Crear é imaxinar que un outro mundo é posíbel ". A pintura é como unha introdución a un mundo misterioso e máxico. Unha máscara omnipresente hai milenios en todas as civilizacións. Máscaras que esconden, revelan, metamorfosean, asustan, acougan, inspiran,  fascinan, iluminan, liberan,inquietan.

O visíbel, o invisíbel, as cores, os códigos e signos. Máscaras que tamén falan ... Este traballo é o símbolo da miña mestura cultural. Non pinto só máscaras mais o tema da máscara é a trama do meu traballo. Aínda participando esporadicamente en talleres de pinturas, eu defínome  como unha autodidacta. Eu pinto máscaras. Reais ou imaxinadas, as súas pegadas proveñen de África, América do Sur, Europa, Asia, etc. Eu pinto ao óleo, aínda que aquí e alí, o acrílico é convidado en ton menor. Teño no meu haber unhas quince exposicións individuais e colectivas. Até agora, concentreime na creación artística. Chegou o tempo de aprender a entender o mundo da arte, da galería. Eu pretendo desenvolver o meu negocio. 

Entre a súa carreira política e a de artista, de cal se sente máis orgullosa? 

Estou especialmente orgullosa de ir detrás das miñas propias escollas e aproveitar as oportunidades que a vida me dá. 

O seu país, Malí, coñece nos últimos anos unha situación socio-política difícil coa crise no Norte. Como a vive desde a súa posición? 

Durante 20 anos, Malí foi considerado un modelo de democracia en África, un caso de estudo. O 17 de xaneiro de 2012, comezou a agresión do noso país, Malí, por parte de grupos armados e traficantes de drogas e aliados jihadistas. Sabemos o resto ... Malí pasou por unha das máis graves crises da súa historia. Crise política, institucional, seguridade, humanitaria, de identidade. A crise que Malí coñeceu coa rebelión tuareg e a ocupación do norte do seu territorio por terroristas e movemento jihadista é o resultado de varios factores. 

A discriminación dos Touareg referida polo Movemento Nacional Tuareg para a Liberación de Azawad (MNLA) é unha manipulación. Malí é un mosaico étnico e cultural onde as diferentes comunidades e grupos étnicos que o compoñen viviron xeralmente en paz e en harmonía. Malí é un país pobre. Os Tuareg non son as únicas vítimas. 

Hai entre 1,5 e 1,8 millóns de Tuareg en cinco países africanos (Alxeria, Malí, Níxer, Libia, Burkina Faso). Preto de 500000 deles instaláronse en Malí. Son unha minoría (4% ) nunha rexión onde se encontra o 10% dos malianos e onde cohabitan diferentes etnias. Desde 1960, os tuaregs levantáronse varias veces. Con todo, as revoltas anteriores non eran explicitamente separatistas. Eran reivindicacións que chamaban a rematar a discriminación exercida, segundo eles, polo goberno central en Bamako. Tras as revoltas anteriores, a representación dos Tuaregs - incluíndo ex rebeldes - no goberno, nas altas funcións administrativas e do exército, aumentou. Subvencións adicionais tamén foron asignadas aos Tuaregs para o seu desenvolvemento (esta área experimentou varios episodios de seca). Pero esta rexión está, como grande parte do país, minada pola corrupción, o clientelismo. 

Os Tuareg están na súa grande maioría profundamente ligados á súa pertenza a Malí e adhiren aos valores da República. Ningún dos grupos armados con veleidades separatistas pode reclamar a menor lexitimidade para falar en nome da  xente destas rexións. Co paso dos anos, este movemento forxou alianzas e creou lobbies nos países occidentais que os apoian nas súas demandas e os encoraxan nese sentido. Debe lembrar, o MNLA aliouse co movemento jihadista, Al Qaeda no Magreb Islámico (AQIM), Ansar Dine e MUJAO (Movemento para a unidade e a jihad en África Occidental) e outros grupos claramente implicados en moitos casos de violencia sexual, os matrimonios forzados, amputacións, lapidación, violacións e secuestros no norte de Malí. En xaneiro, co apoio de Franza, da CEDEAO e da comunidade internacional, Malí foi á guerra para impedir o avance dos terroristas jihadistas. 

Hoxe, o goberno de Mali está limitado pola comunidade internacional para negociar cos atacantes que tamén manteñen fortes ligazóns con grupos jihadistas aínda activos na rexión, a pesar das operacións Serval e despois coa MINUSMA. 

Pola miña parte, en Bruxelas, organicei conferencias, escribín  comunicados de prensa, participei en manifestacións para alertar á opinión pública e política. Eu penso en todas as vítimas, foren as que foren, e especialmente nas mulleres e nenos que pagaron un pesado tributo. Trátase tamén de recoñecer o sufrimento e trauma das moitas vítimas do conflito. Sobre o terreo, as asociacións de mulleres e de defensa dos dereitos humanos seguen a esixir xustiza e reparación. 

O combate do desenvolvemento de África gañarase ou non se gañará non só coa súa diáspora, senón tamén, e sobre todo coas mulleres. Que diría á mocidade, tanto á da diáspora como á do continente? 

África é un continente que ten un enorme potencial, pero que até agora non canalizou adecuadamente as diferentes enerxías en termos de recursos humanos para a transformación deste enorme potencial en factores de desenvolvemento. As mulleres, e iso non é novo, sempre desempeñaron e seguen a desempeñar un papel preponderante no desenvolvemento económico e social do continente. E nisto, con todo, a diáspora non debe ser vista como a comunidade que non só pode apreciar a súa excepcional contribución canto á transferencia de divisas para a África. Debe ser considerada como unha parte máis ao lado das respectivas comunidades nacionais. Desafortunadamente, nada se está a facer para avanzar en organización neste sentido. Imaxina un Malinés que decide volver ao Pais para se instalar. Non achará ningunha estrutura organizada para recibilo. Estas son cousas que temos necesariamente de mellorar para que os membros da diáspora africana que desexen contribuír ao desenvolvemento de tal ou cal país non se sintan totalmente desorientados cando queren emprender o retorno. 

É moi importante ter en conta que os líderes africanos deben tamén traballar para mellorar a situación das mulleres africanas. Penso sobre todo na eliminación da violencia contra as mulleres sobre a que eu traballei bastante, como moitas outras. As mulleres son a esperanza, a forza do continente. África avanza cos pés das mulleres. 

Se eu teño algún consello para os mozos é que é preciso liberarse das cadeas das tradicións que aprisionan e oprimen, loitar para ter a independencia financeira, aprender a  coñecer o seu valor como persoa, cultivar a confianza en si, o esforzo, a coraxe, a forza, a paciencia, a perseveranza. Dicir que se poden perder batallas e aínda así gañar. Nunca renunciar aos seus soños. Non esquecer de onde se vén. Porque, como di o proverbio "a árbore baobá extrae a súa forza das súas raíces." 


Fonte: http://www.courrierdesafriques.net/

Tradución do francés: Xoán Costa

Comentarios