Baltimore, espello da desigualdade en EUA

As cifras sitúan a segregación racial e as diferenzas de clase no cerne da desigualdade.

Manuel Franco, profesor de Saúde Pública na Universidade Johns Hopkins, Usama Bilal, doutorando, e o catedrático da Universidade de Chicago, Richard Cooper, describen nun artigo de análise publicado polo diario español El País, como as "políticas segregacionistas" e "o abandono económico" de grandes sectores da poboación provocaron niveis de desigualdade social e sanitaria "inaceptábeis" en cidades como Baltimore. 

Redlining Baltimore

Após o asasinato de Freddie Gray o propio presidente dos EUA, Barack Obama, afirmaba que "se temos comunidades empobrecidas e despoxadas de oportunidades, onde as crianzas nacen na pobreza [...] é máis probábel que a mocidade remate na cadea ou morta a que vaia á universidade". O mandatario estadounidense apuntaba á falta de investimento como cerne dos problemas sociais que atinxen cidades como Baltimore, Ferguson ou Detroit e instaba a "pensar" como "nación e como sociedade" cal é a solución a esta realidade. 

 

(Premer no mapa para despregar).

Porén, cal é a realidade económica e social que atinxe barrios como o de Freddie Gray ou Michael Brown? E, a que se debe?

EUA desenvolveu durante décadas políticas segregacionistas que limitaron o acceso da poboación negra aos recursos

Segundo o estudo desenvolvido por Franco, Bilal e Cooper no cerne da cuestión están "políticas segregacionistas" como a denominada redlining, unha medida desenvolvida durante décadas nos EUA que dividía as áreas metropolitanas das cidades en función do nivel de "seguridade residencial". Esta liña vermella determinaba o acceso a axudas públicas para vivenda; préstamos bancarios, seguros ou mesmo os prezos dos produtos nos supermercados, as posibilidades de acceder a un posto de traballo ou a un servizo de saúde en condicións. 

O xornalista Bill Dedman gañaría o premio Pulitzer en 1989 por unha serie de artigos publicados nos xornais The Atlanta Journal e o The Atlanta Constitution nos que abordaba esta cuestión. 

Mais, que ten a ver o empobrecemento da poboación coa cuestión racial?

Cidades como Baltimore ou Detroit gozaron dun importante desenvolvemento económico vencellado á industria. A deslocación das facotías nos anos 60 e 70 "provocou un rápido aumento do desemprego" e o desenvolvemento do proceso white flight (voo branco), a fuxida da poboación branca cara aos extrarradios das cidades. En Detroit das 1.849.568 persoas que moraban en 1950 ficaron 910.294 á altura de 2010, o 82% negras. De igual maneira, Baltimore pasou das 949.000 habitantes nese mesmo ano a 622.000 en 2013. 

Os maiores índices de pobreza, mortaldade infantil e as rendas máis baixas correspóndense coas áreas de Baltimore habitadas maioritariamente por persoas negras

Neste contexto, as diferenzas sociais e económicas entre espazos localizados nunha mesma cidade apenas a uns escasos quilómetros de distancia deixan realidades completamente opostas. Así, entre os barrios Sandtown-Winchester --no que moraba Freddie Gray-- e o Roland Park --de maioría branca-- hai 15 anos de diferenza na esperanza de vida. 

A porcentaxe de persoas negras é no primeiro de 96,6% fronte ao 7,9% do norte da cidade. A renda tamén varía sendo de 24.822 dólares na cara oeste da cidade (Sandtown-Winchester) fronte aos máis de 106 mil de Roland Park. Porén, a fenda aumenta no leste de Baltimore onde apenas chegan aos 14 mil dólares por habitante. 

Os índices de pobreza tampouco baten por igual. Fronte ao 1,9% do norte; nas caras leste e oeste da cidade ascenden ao 50% e 31%, respectivamente, sendo a esperanza de vida de 72 e 69 anos fronte aos 84 de Roland Park. Tamén así a mortaldade infantil que en Oldtown ascende ao 10 por cada mil nados vivos fronte ao 3,4 do norte. 

As taxas de criminalidade, desemprego e crimes violentos reproducen o mesmo patrón. 

Comentarios