Baixan as mortes mais soben os contaxios no Estado español

O número de positivos no Estado español confirmados por probas PCR continúa a aumentar diariamente desde o pasado 11 de maio. 
Onte, de facto, o Ministerio de Sanidade anunciou 549 novos contaxios. O director do Centro de Alertas, Fernando Simón, sinalou que nas vindeiras semanas poderá haber rebrotes.
Un grupo de persoas conversa durante a fase 1 mantendo a distancia e protexéndose con máscaras (Imaxe: María José López)
photo_camera Un grupo de persoas conversa durante a fase 1 mantendo a distancia e protexéndose con máscaras (Imaxe: María José López)

A tendencia de mortes por mor da COVID-19 foi en aumento nos últimos días no Estado español, até que nesta sexta feira, 15 de maio, por fin, comezou a reducirse. O último parte publicado polo Ministerio de Sanidade sinalaba onte 138 novos falecementos. Este é o segundo dato máis baixo desde comezos de marzo, logo do rexistrado o 11 de maio, que deixaba 123 defuncións. Desde entón a cifra non parou de medrar diariamente até onte experimentar un lixeiro descenso. 

Pese a caeren as mortes, o que si segue a aumentar xornada a xornada é o número de contaxios activos rexistrados a través das probas PCR. Os positivos aumentaron na sexta feira en 549 (0,24%), elevándose a cifra total de casos  no Estado español a 230.138. 
O 12 de maio rompíase a tendencia á baixa en contaxios, pasándose de 373 a 426 novos casos e, cada día, foi aumentando a propagación. Tamén medrou o número de hospitalizacións por complicacións da COVID-19, rexistrándose 346 novos ingresos en 24 horas, habendo así no Estado 124.571 persoas en hospitais por coronavirus. En UCI tan só se citaron 29 novos ingresos na sexta feira, sendo a mesma cifra que se notificou na quinta feira.

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, que detallou estes datos, anunciou en rolda de prensa a posibilidade de que nas próximas semanas se produzan novos brotes de contaxios. "O risco está aí. Sabemos que a inmunidade non é alta, polo que un repunte é posíbel", dixo Simón, remarcando que o rebrote mesmo "pode ser importante nalgúns puntos do Estado".

Falsa seguridade na privada

Fernando Simón tamén advertiu de que os tests de anticorpos da COVID-19 realizados por centros sanitarios privados "poden dar una falsa sensación de seguridade. As probas de anticorpos non son concluíntes. Os resultados negativos tampouco o son. Hai que ter moito coidado coa interpretación e ten que estar asociada a un criterio clínico", dixo Simón.

Prorróganse até o 15 as restricións para viaxar na Unión Europea

O Goberno español prorrogou a restrición ás viaxes non imprescindíbeis desde terceiros países á Unión Europea e entre países asociados ao espazo Schengen por razóns de orde e saúde públicas até o próximo 15 de xuño.

A medida fora adoptada o pasado 17 de marzo polos membros do Consello Europeo para limitar a expansión da pandemia. Si poderán viaxar profesionais sanitarias ou do coidado de maiores que regresen de realizar o seu labor, o persoal dedicado ao transporte de mercadorías, militares, persoal diplomático ou consular e aquelas persoas que acrediten causas de forza maior ou motivos familiares imperativos.

Ademais, esta sexat feira, 15 de maio, coñeceuse que as autoridades comezaron xa a tomar a temperatura a "todas e todos os pasaxeiros" que chegan ao Estado español en avión ou barco.

Madrid e Barcelona fican na fase cero

A Comunidade de Madrid e a cidade de Barcelona non pasan á fase 1 do desconfinamento, segundo anunciou esta sesxta feira, 15 de amio, o Ministerio de Sanidade. Si avanzan por completo Valencia, Andalucía e Castela A Mancha. En  Castela e León pasan de fase 42 zonas sanitarias, que se suman ás 26 que estaban xa na etapa inicial. 

O ministro de Sanidade Salvador Illa discutiu con representantes das comunidades autónomas no Consello Interterritorial do Sistema de Saúde sobre a necesidade ou non de estabelecer o uso obrigatorio das máscaras entre a poboación nos espazos públicos. Porén, aínda non tomaron unha decisión definitiva a este respecto e Salvador Illa sinalou que todas estas medidas están en permanente estudo e revisión. 

Comentarios