Bachelet, acerca dos plans de Israel: "A anexión é ilegal"

2020062914470236540
photo_camera Rapaz con simboloxía de Hamas nunha protesta contra a anexión (Ashraf Amra / APA Images)

A Alta Comisionada da ONU para os Dereitos Humanos, Michelle Bachelet, criticou os plans do Goberno de Israel de impor a súa soberanía en zonas ocupadas de Cisxordania, en Palestina, e advertiu das consecuencias. "A anexión é ilegal. Punto", manifestou.

O primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, mantén a intención de oficializar en xullo a anexión de parte do territorio cisxordano, a pesar das críticas dos distintos movementos palestinos e a oposición de gran parte da comunidade internacional.

Bachelet reiterou que "toda anexión" é contraria ao dereito internacional, "sexa de 30% de Cisjordania ou de 5%". Por este motivo, instou a Israel a "escoitar antigas autoridades e xenerais, así como as múltiples voces de todo o mundo", que lle piden que non continúe por este "perigoso" camiño.

A ex presidenta chilena avisou nun comunicado de que non se poden predicir as consecuencias precisas da anexión", mais anticipou que "probabelmente" serán "desastrosas", tanto para a poboación palestina como para a israelí. Mesmo "para toda a rexión", engadiu.

Ademais, considerou que prexudicará "gravemente" calquera iniciativa encamiñada a lograr unha paz duradeira na zona, ao tempo que "perpetuará" as violacións de dereitos humanos asociadas a este conflito "durante décadas", desde as restricións de movemento ou traslados forzosos á expropiación de terras, pasando por límites para acceder a servizos básicos.

A ONU considera xa que os asentamentos controlados por Israel en zonas ocupadas en 1967 representan unha violación do dereito internacional,  e teme que os novos plans avalarían unha ampliación, alén de complicar a solución de dous Estados para asinar a paz.

Bachelet dixo que calquera paso cara á anexión provocará uns efectos que "durarán décadas" e serán "extremadamente prexudiciais". "Con todo, aínda estamos a tempo de reverter esta decisión", agregou.

Manifestacións

Faccións palestinas en Gaza convocaron para mañá un "Día da Ira", xornada que estrea o mes de xullo e partir da cal o Goberno israelí podería dar comezo a anexión. Haberá un acto central coa participación de todas as faccións e organizacións políticas do bloqueado enclave, alén dunha protesta masiva na Cidade de Gaza.

Comentarios