Aznar na convención do PP: "España non é plurinacional nin multinivel nin a nai que os pariu"

O ex presidente defendeu o españolismo máis rancio no acto en Sevilla no marco da Convención do PP, así como o monolongüismo.

O ex presidente do Goberno español, José María Aznar.
photo_camera Aznar

O convidado estrela na cita esta quinta feira en Sevilla da convención estatal do PP foi José María Aznar. O  ex presidente do Goberno español volveu defender e incidir no discurso de españolismo puro e duro. Cargou contra o independentismo e contra o Goberno español de coalición, con contundencia: "España é unha nación, non sete, nin catro, nin vinte e unha. Non é un estado plurinacional, nin  multinivel, nin a nai que os pariu".

Aznar, que apoiou o PP de Pablo Casado no seu relanzamento, estendeuse na cuestión territorial, que considera que é a máis grave que sofre o Estado español a día de hoxe. E cargou as súas armas contra o Goberno estatal. Primeiro, polas súas alianzas parlamentarias: "Unha organización terrorista como  Bildu é socio do Goberno. Os que fixeron un golpe de estado... son socios do goberno". Tamén contra o papel da Avogacía do Estado no asunto  Puigdemont: "Que sexa utilizada para impedir que un prófugo sexa extraditado á xustiza española é un auténtico escándalo e unha vergoña". E saíu en defensa do  monolingüismo nas institucións do Estado: "Nas institucións de Madrid fálase castelán, que é o idioma que todo o mundo entende".

"Nas institucións de Madrid fálase castelán, que é o idioma que todo o mundo entende" (Aznar)

Tamén cargou contra o Papa, após que o Papa Francisco pedise perdón pola conquista de México. Non o citou directamente, pero entendeuse perfectamente: "Nestes momentos en que se pide perdón por todo, eu non o farei, dígao quen o diga". Saíu en defensa da historia de España: "Cos seus acertos e os seus erros, eu síntome orgulloso e non pido perdón".

E en referencia ao actual presidente do Partido Popular dixo: "Serás presidente do Goberno de España". E remachou: "Ademais, faralo ben".

"Após Grecia e Roma España é a máis importante da historia da humanidade en canto á contribución ao resto de países” (Casado)

Neste contexto de inchazón de españolismo  Pablo Casado non quixo ser menos. Saíu en defensa da nación española, "despois de Grecia e Roma a máis importante da historia da humanidade en canto á contribución ao resto de países". E remachou: "O fenómeno da Hispanidade débenos  enorgullecer a pesar da lenda negra, a cultura da cancelación e esa parvada do  revisionismo histórico patrocinado polas formacións que ocupan o Goberno español".

Comentarios