Ayuso vacinou congregacións relixiosas antes de tempo

Nun novo episodio da particular campaña de vacinación na Comunidade de Madrid, que chegou a ter un millón de vacinas gardadas na neveira, transcende que no primeiro día de vacinación a Comunidade preocupouse de garantir que ducias de congregacións relixiosas foran inoculadas.
Isabel Díaz Ayuso nunha misa o pasado 15 de agosto. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera Isabel Díaz Ayuso nunha misa o pasado 15 de agosto. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

A Comunidade de Madrid inaugurou a campaña de inoculación o pasado 27 de decembro vacinando decenas de congregacións relixiosas cristiás, nun intre no que a prioridade eran as residencias e o persoal sanitario na primeira liña, denunciou a Asociación Madrileña de Enfermaría.

Por medio dun contrato pola vía de urxencia coa Cruz Vermella, criticado polos sindicatos, o Goberno rexional dirixido por Isabel Díaz Ayuso (Partido Popular) encargou que se administraran máis de 1.500 vacinas a congregacións como as Carmelitas Descalzas, Misioneiras Eucarísticas de Nazaret ou as Fillas da Caridade. Nesta última entidade, recibiron 188 doses neses días, cun proceso de vacinación que se freou en seco apenas catro días despois, segundo informa a Cadena Ser, que obtivo acceso ao contrato.

A presidenta madrileña respondeu na mañá desta segunda feira polas redes sociais recoñecendo os feitos, xustificándose en que non se lles deu prioridade e en que “tamén se vacinaron [as congregacións] noutras zonas do Estado”, sen mencionar cales.

“Estas persoas fan un labor impagábel e sempre, noutras crises, tamén as coidaremos”, considera Ayuso, que argüíu que moitas delas “son moi maiores”.

Só na primeira onda de Covid-19, até setembro de 2020, 5.954 persoas faleceron dentro das residencias na Comunidade de Madrid. Case 20.000 en todo o Estado español.

O 27 de decembro, cando comezou a vacinación na Unión Europea, o protocolo vixente especificaba os tres grupos prioritarios para recibir a vacina, daquela con moi poucas doses dispoñíbeis.

O primeiro, as persoas maiores internadas en residencias e o persoal destes centros. Logo mencionábase o persoal sanitario, así como o persoal sanitario e sociosanitario.

Malia as probas, a Comunidade nega ter comezado a inxectar as congregacións católicas até marzo, co 90,2% dos residentes de residencias de maiores xa vacinados.

Grandes dependentes sen inocular até marzo e picadas no Corte Inglés

A campaña de vacinación organizada polo Goberno rexional madrileño recibiu fortes críticas desde o comezo. As picadas para as persoas con máis de 80 anos que non se atopaban en residencias non comezaron até finais de febreiro. Situación similar viviron os grandes dependentes, “que non foron vacinados até marzo porque a Comunidade non tiña un protocolo específico para vacinar a domicilio”, incidiu a medios estatais Víctor Jiménez, presidente da Asociación Madrileña de Enfermaría. Nesa data volveron as vacinas ás congregacións para rematar o proceso.

Á creación dun centro médico de campaña na Institución Feiral de Madrid (Ifema), ou o impulso do hospital Isabel Zendal súmase o acordo co Corte Inglés, Acciona e o grupo Santander para que se encargasen de vacinar a poboación nos seus locais.

Comentarios