sábado 31/10/20
O Sinn Féin fica as portas da vitoria

Axustado trunfo unionista nas eleccións de Irlanda do Norte

Aínda que por unha estreita marxe, o Partido Unionista Democrático (DUP) foi a forza que obtivo máis apoios nas eleccións á Asemblea de Irlanda do Norte, que tiveron lugar a quinta feira. O Sinn Féin ficou só a 1.168 votos de superar os unionistas.

C6B-qTZWcAQiLPe
[Imaxe: @sinnfein]

Nas eleccións á Asemblea de Irlanda do Norte que tiveron lugar na quinta feira resultou vencedor, cun resultado moi axustado, o DUP, forza partidaria de manterse en Gran Bretaña. Os unionistas obtiveron 28 escanos da asemblea norirlandesa e o 28,06% dos votos, mentres que o Sinn Féin, partidario da reunificación de Irlanda, chegou aos 27 escanos e o 27,91% dos apoios. Liderada por Michelle O’Neill, a forza nacionalista ficou só a 1.188 papeletas de superar o DUP, o que representa un resultado histórico, pois nos anteriores comicios os unionistas acadaran 10 escanos máis que o Sinn Féin.

Aliás, o SDLP (Partido Socialdemócrata Laborista) fíxose con 12 asentos; UUP (Partido Unionista do Ulster) con 10; Alliance con 8 e outras forzas, con 5.

O DUP e o Sinn Féin teñen que chegar a un acordo en tres semanas para evitaren que as competencias volvan recaer en Londres

Atendendo a estes resultados e malia as grandes diferenzas que os separan, o DUP e o Sinn Féin dispoñen de tres semanas para chegaren a un acordo sobre a formación dun Goberno de coligazón. De non facelo, as competencias transferidas volverían recaer, por lei, no Parlamento de Westminster de Londres, que xa exercera o goberno directo entre 2002 e 2007.

Eleccións anticipadas

As eleccións en Irlanda do Norte foron anticipadas dada a renuncia no mes de xaneiro de Martin McGuinness como viceministro principal. O histórico dirixente nacionalista demitira polo escándalo de corrupción na concesión de primas das enerxías renovábeis, que comprometeu a credibilidade do DUP.

A cifra destacada dos comicios, alén do resultado do Sinn Féin, foi a da participación, cun 64,8%. Ascendeu 10 puntos en relación á votación anterior.

comentarios