Axudar persoas refuxiadas podería resultar nun crime na UE

O colectivo Statewatch advirte da reforma que deseña o Consello europeo e que podería "criminalizar" a axuda que prestan persoas voluntarias, por exemplo, na costa grega. 

Lesbos_HRW
photo_camera [Imaxe Human Rights Watch]

A Unión Europea quere frear a entrada de persoas refuxiadas en territorio comunitario. Após as 850 mil que accederon por vía marítima ou terrestre na Unión durante 2015 e das máis de 46 mil que cruzaron o Mediterráneo tan só en xaneiro de 2016, as institucións europeas buscan a maneira de evitar que esta situación continúe. 

Así pois, valora diversas opcicións sobre as que traballan as súas autoridades. Para alén das negociacións para que Turquía se converta nun tapón e da posibilidade de expulsar Grecia de Schegen facendo retroceder a área de libre circulación, o Consello europeo tamén está a deseñar unha política que puna e persiga "todas as formas de contrabando [smuggling] de migrantes". Así o recolle un documento feito público pola organización State Watch datado do 26 de xaneiro. 

As institucións europeas traballan en diversas fórmulas para frear a entrada de refuxiadas entre elas a posibilidade de que Grecia fique fóra de Schegen e Turquía faga de tapón

Neste senso, as institucións europeas tratan indistintamente o que até o momento eran considerados dous delitos distintos: o contrabando e o tráfico de persoas. Desde State Watch advirten que unha mudanza legal neste sentido podería rematar por criminalizar calquera persoa que axude refuxiados ou migrantes na súa odisea cara Europa. Até o momento, ficaban excluídas desta consideración as organizacións ou persoas que desenvolvían axuda humanitaria á fin de evitar mortes. 

Destarte, após a aprobación da directiva de 2002 a punición ou non da axuda prestada de maneira voluntaria por persoas e colectivos, ficaba á libre interpretación dos Estados membros. No concreto recolle que "calquera estado membro pode absterse de sancionar un comportamento que poida estar asociado co contrabando sempre que o obxectivo deste comportamento sexa o de proporcionar asistencia humanitaria". Así as cousas, desde as institucións europeas aseguran que non se criminalizará a axuda mais que se perseguirán aquelas persoas ou organizacións que faliciten "a entrada e a residencia non autorizada". 

Rexistro 

De maneira paralela e sobre o terreo o goberno grego está a elaborar un rexistro daquelas persoas e organizacións que están a actuar nas súas costas perante a crise de persoas refuxiadas. Unha medida que desenvolven de maneira conxunta con ACNUR e que viría a dar cumprimento ás exixencias de Bruxelas a respeito dun maior control no que denominan 'puntos quentes' de entrada de refuxiados. 

Organizacións que traballan sobre o terreo en Lesbos apoian a creación dun rexistro que poña "orde" á axuda que se presta na illa e da que tentan sacar probeito algunhas persoas

Na illa de Lesbos, a exixencia exténderíase á propia poboación local que ofrece axuda de maneira voluntaria cada vez que unha embarcación se aproxima á costa

Neste senso hai varias opinións, quen critica como State Watch este rexistro que, din, non tería lugar nunha "Europa máis social" e "humana" e quen o coida importante tendo en conta que algunhas persoas se están a aproveitar economicamente das persoas refuxiadas só con pór un chaleque reflectante e cobrándolles por desprazamento unha vez chegan a terra. 

Así o narran desde a organización Proactiva Open Arms en declaracións recollidas por La Vanguardia. "Ese rexistro é razoábel e é preciso, proque hai xente que pon un chaleque amarelo comprado nunha gasolineira e que se dedica a trasladar aos campos de refuxiados, a 70 quilómetros ao interior da illa, aos recén chegados, cobrándolles". En Lesbos, explican desde Proactiva Open Arms, "danse situacións moi complexas, hai moitos grises e liñas que non se poden crizar, hai que pór orde, sen criminalizar ninguén". 

O relato das persoas voluntarias en Lesbos é salientábel acarón das cifras proporcionadas pola Europol a pasada semana na que advertían da desaparición de 10 mil crianzas refuxiadas, moitas delas dos propios centros de internamento para migrantes e das que se descoñece o paradeiro. 

Comentarios