Os avogados de Öcalan reclaman á ONU podelo ver logo de 11 meses sen contacto

Manifestacións no Kurdistán e en diversas partes do mundo no 23º aniversario da detención do líder do PKK.
ocalan_berlin2_15feb2022
photo_camera Unha das concentracións de onte en Berlín para pedir a liberación do líder do PKK, que permanece en illamento desde 1999 (Foto: Azad Imal / Twitter)

O equipo legal do líder do Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK), Abdullah Öcalan, remitiu unha apelación urxente ao relator especial da ONU sobre a tortura para que actúe ante o seu illamento extremo na prisión turca en que está encerrado, segundo informou Medya News, portal de información kurda. Öcalan e outros tres presos kurdos levan 11 meses sen poder comunicarse cos seus avogados. 

A petición chegou coincidindo co aniversario, esta terza feira, da detención de Öcalan na capital de Quenia, Nairobi. O 15 de febreiro de 1999 foi apresado nun operativo conxunto dos servizos de intelixencia turco e estadounidense. 

O actual secretario de Estado dos Estados Unidos, Antony Blinken, daquela asesor do entón presidente Bill Clinton, recoñeceu en 2001 nunha entrevista en CNN que a extradición a Turquía se fixera a condición de que o líder do PKK tivese un xuízo xusto, como ─segundo defendeu na altura─ así foi.

Máis de catro anos despois, en maio de 2005, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos sentenciaba que no proceso xudicial a Öcalan se violaran varios tratados internacionais. Nomeadamente, o Tribunal de Estrasburgo salientaba que o líder do PKK fora tratado de forma inhumana na súa extradición ao cárcere de máxima seguridade de Imrali, ás aforas de Istambul, onde permanece en illamento desde hai 23 anos.

"Apo" Öcalan ("Tío" Öcalan, en kurdo) é para Ankara un "asasino", ao que responsabiliza da morte de civís en ataques perpetrados polo PKK, organización que tanto Turquía, como a UE ou os EUA consideran "terrorista". Porén, os seus seguidores e unha importante parte da esquerda internacional cualifícano de "Nelson Mandela kurdo".

Ilegalización e arrestos

Así o fixeron saber esta feira nas manifestacións que, como cada ano, reclaman en diferentes puntos do mundo a súa liberación e denuncian a "conspiración internacional" que levou á súa detención. Desde Australia até Italia, pasando por Asia e América. Tamén as houbo en Turquía, organizadas polo prokurdo Partido Democrático dos Pobos (HDP), mais sen mencións directas a Öcalan. O HDP xa está inmerso nun proceso que pode acabar en ilegalización polas súas ligazóns co PKK.

Na cidade turca de maioría kurda de Êlih (Batman, en turco), os concentrados portaron unha pancarta que pedía a "fin do illamento", "abride as portas" e "falemos de paz", segundo un vídeo publicado en Twitter. Nos días previos a esta xornada reivindicativa producíronse detencións por parte da Policía turca. A xornalista Zeynep Durgut, da axencia kurda Mezopotamya News, foi unha das arrestadas.

Chamada telefónica

O último contacto de Öcalan co mundo exterior produciuse o 25 de marzo de 2021. Foi de forma telefónica, nunha chamada con seu irmán que durou apenas cinco minutos até que foi cortada, segundo explicou ANHA, axencia kurda con sede no Rojava, o Kurdistán baixo soberanía siria. 

E a última xuntanza cos seus avogados foi o 7 de agosto de 2019. O 29 de novembro de 2021, as autoridades turcas impuxeron novas sancións contra el, vetando as reunións co equipo legal durante seis meses a partir do pasado 12 de outubro. Ademais, tamén estabeleceron un veto de tres meses ás visitas familiares desde o pasado 18 de agosto. Con todo, pasou case un ano desde aquel último contacto co exterior.

Dereito internacional

O Tribunal de Estrasburgo xa decretara en marzo de 2014 que Turquía violara os dereitos de Öcalan polas condicións inhumanas de confinamento solitario ás que está sometido desde a súa detención en 1999. 

O líder do PKK foi condenado a morte no seu xuízo, mais a sentenza foi posteriormente conmutada por cadea perpetua como parte das medidas exixidas por Bruxelas a Turquía para poder entrar na UE.

O Comité para a Prevención da Tortura do Consello de Europa tamén emitiu en 2018 un requirimento a Ankara para que permitise as visitas de familiares e de avogados aos presos kurdos en Imrali. Porén, a día de hoxe, as autoridades turcas continúan a conculcar o dereito internacional. 

Comentarios